Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Clausurado o obradoiro de emprego tras o excelente labor realizado na recuperación do patrimonio

22/07/2022

Vinte alumnos e alumnas obtiveron o seu certificado de profesionalidade en cantería e carpintería, logo de realizar labores de recuperación e restauración en bens patrimoniais como lavadoiros e fontes en todo o Concello.

A Aula da UNED en Tui acolleu esta mañá o acto de clausura do Obradoiro de Emprego ‘Revaloriza Tui’. Unha actividade formativa que se viña desenvolvendo dende outubro de 2021 e na que participaron vinte alumnos e alumnas que hoxe recibiron o seu certificado final de profesionalidade. Dez deles o fixeron na modalidade de cantería especializada en Colocación de Pedra Natural e Montaxe e outros tantos na de carpintería en Instalación de Construcións de Madeira.

Este curso era unha aposta do Concello de Tui para mellorar o currículo das persoas participantes e facilitar a súa inserción laboral, feito que se cumpriu con gran éxito grazas a un bo número de alumnos que xa comezou, ou o fará nos próximos días, o seu futuro laboral nestes ámbitos. En concreto tres están xa incorporados a un posto de traballo relacionado coa formación recibida e dous máis o farán a próxima semana.

No acto estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Formación e Emprego, Ana María Núñez, e a xefa territorial de Emprego da Xunta de Galicia, Marta Mariño, amais de Raquel Fernández, directora do obradoiro, e o profesorado. Primeiro proxectouse un vídeo resumo da formación no que se mostraron as actividades de rehabilitación realizadas polo alumnado ao longo destes meses en espazos e bens patrimoniais de todo o Concello de Tui e as súas parroquias: a fonte de Albelos en Guillarei e os lavadoiros de Laxes en Randufe, o de Souto en Guillarei e o de Fontenla en Areas. O resultado en todos eles constata os coñecementos adquiridos ao longo destes meses polo alumnado de cada especialidade

A concelleira de Formación e Emprego do Concello de Tui, Ana María Núñez, tomou primeiro a palabra para valorar positivamente o desenvolvemento do curso, agradecendo o traballo do profesorado e destacando a boa disposición do alumnado materializado no bo número de participantes que xa obtiveron ou obterán de xeito inmediato a súa inserción laboral nuns ámbitos moi demandados.

Pola súa parte a xefa territorial de Emprego da Xunta de Galicia, Marta Mariño, trasladou os parabéns polo éxito da formación e das prácticas nos bens patrimoniais rehabilitados e os ánimos ao alumnado para que continúen traballando e apostando nestes ámbitos para o seu futuro laboral.

Pechou o acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, para destacar o gran resultado final dos traballos de rehabilitación nun patrimonio que a cidade precisaba recuperar e poñer en valor. Trasladou tamén o agradecemento a todos os implicados na boa realización deste obradoiro, comezando polo profesorado, o equipo do Concello de Tui encargado de proxectar este curso e a Xunta de Galicia polo apoio á cidade. Finalizou Enrique Cabaleiro facendo fincapé na predisposición do goberno local para seguir apoiando proxectos formativos en diversos ámbitos que permitan impulsar o futuro laboral dos veciños e veciñas de Tui.