Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Celebrarase o sábado 10 de agosto

4/08/2013

A III Festa do Miño agarda bater record de participantes

No programa destaca do Descenso Internacional, o Descenso Popular, o Festival Gastronómico e o Festimiño cun amplo programa de actividade

Venres, 2 de agosto de 2013. Tui vai celebrar o próximo sábado 10 de agosto a III Festa do Miño, que se ten convertido en tan só tres edicións na festa do verán no municipio. Ao longo do día ten lugar un variado programa de actividades que ten o río coma eixo central.

O Descenso Internacional e o Descenso Popular, o Festival Gastronómico, a Romaría de Caldelas e o Festimiño atraerán ata cidade a miles de persoas. A presentación deste evento desenvolveuse este mediodía na Casa do Concello de Tui coa presenza do alcalde, Moisés Rodríguez, o secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, os concelleiros de Cultura e Deportes, Vanesa Rodríguez e Nicolás Lorenzo, xunto ao presidente do Club Kaiak Tudense, José Luís García, e da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea. Tamén estivo presente Juan Carlos Rodríguez, xerente de Duatel-Orange, patrocinador da Festa do Miño.

O presidente do Kaiak Tudense, José Luís García, destacou que no 42º Descenso Internacional, que sairá ás 18h dende Salvaterra, van participar 600 padeeiros, indicando que teñen xa confirmada a presenza do Club portugués do subcampión olímpico Fernando Pimenta, así coma os mellores deportistas de Galicia deste deporte.

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, engadiu que o Descenso terá a máxima puntuación para a liga galega, engadindo que “o éxito deportivo e organizativo está garantido”. Sobre o piragüismo Alfredo Bea explicaba que é un deporte en auxe no que este ano bateron record de licenzas tanto competición coma de turismo náutico.

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, expuxo que a Festa do Miño agarda bater record de participación con respecto ao ano pasado cando 600 persoas participaron no Descenso Popular, 2000 no Festival Gastronómico e 5000 no Festimiño. O edil sinalou que “se o Descenso Internacional do Miño, coas súas 41 edicións anteriores e os máis de 600 deportistas participantes na última edición, xa era un dos eventos máis importantes do verán tudense, a incorporación do descenso popular deulle ese carisma que a xente tanto estaba a demandar”. En palabras de Nicolás Lorenzo “a Festa do Miño converteuse no evento referente do verán en Tui”.

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, explicou que “coa Festa do Miño se fixo unha aposta polo piraguismo e pola data da celebración do Descenso Internacional” sinalando que “esta é a festa do verán, é a festa de todos” dicía. Deu conta dos pormenores do III Festival Gastronómico que a partir das 20.30h se celebrará no Paseo da Corredoira coa presenza das casas culturais que achegarán gastronomía popular e música. Sobre este evento dicía que “o gran éxito é que todas as parroquias traen pouco de seu”. E para rematar a festa a partir das doce da noite o Paseo Fluvial acollerá o Festimiño 2013, do que explicaba que este ano o cartel será un pouco máis austero, Alí actuarán os dj’s …

O secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comprometeuse a participar no Descenso Popular se a súa axenda llo permite. Apuntaba o secretario Xeral que “a Festa do Miño ten que ser xa marca de Tui e marca do piragüismo”.

Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientaba que a celebración da Festa do Miño é boa para Tui porque repercute no deporte, na cultura e tamén no comercio local. O alcalde avanzou que tentará convencer ao presidente da Cámara de Valença para facer unha “europirauga” na que participar xuntos no Descenso Popular.

A III Festa do Miño comezará o sábado, 10 de agosto, ás 12h coa II Romería Popular na ribeira de Caldelas. Dende este lugar sairá ás 16.30h o III Descenso Popular para percorrer os 7 quilómetros que separan este punto do Centro Interfederado en Tui. A inscrición para este descenso popular permanece aberta ata o venres día 9. Ás 18h dende Salvaterra terá lugar a saída o 42º Descenso Internacional do Miño cuxa meta estará fronte as instalacións do Centro Interfederado en Tui. A entrega de premios aos padeeiros terá lugar ás 20.30h no Paseo da Corredoira. Á mesma hora na Corredoira comezará o III Festival Gastronómico. E a partir das 00h no Paseo Fluvial arrancará o Festimiño no que este ano van actuar Rivero&Capitán Kidd, Yadhira García, Hugo Nández, Traffic House, Dani Villa, Crisnare, Kristián Rodríguez, Carlos Daniel e Chimo Cabreira.

A III Festa do Miño terá tamén a súa faceta solidaria xa que tanto na Ribeira de Caldelas, coma no entorno do Centro Interfederado haberá unhas carpas de SOS Baixo Miño para a recollida de alimentos non perecedoiros.

Toda a información sobre a Festa do Miño pode consultarse en www.festadomiño.com