Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Catorce probas conforman o Programa Deportivo da Eurocidade Tui-Valença 2014 que comeza en marzo

17/02/2014

Luns, 17 de febreiro de 2014. Catorce probas deportivas integran o Programa Deportivo da Eurocidade Tui-Valença 2014 que foi presentado  o venres pola mañá na Pousada de San Teotonio en Valença.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro  foron os responsables desta presentación xunto ao secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia José Ramón Lete, un representante do Instituto Português do Desporto, Inácio dos Anjos, e os responsables de deportes das dúas cidades, Nicolás Lorenzo e Jose Monte.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, recalcaba a importancia do  proxecto da Eurocidade e o efecto multiplicador que os eventos que se realizan teñen, ao producirse en dous países simultaneamente coa pertinente cobertura mediática en cada un deles. Así mesmo, aproveitaba para agradecer aos deportistas de elite alí presentes o levar o nome de Tui e da Eurocidade polo mundo adiante. Mentres o presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, animaba a seguir os pasos que veñen dando as dúas cidades desde que se creou a Eurocidade hai xa dous anos. Agradecía a súa vez a  presenza dos representantes dos clubs deportivos e das institucións sinalando que “facemos máis xuntos que individualmente”.

Por outra banda, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia apoiaba a vontade amosada polas dúas cidades de seguir dando pasos conxuntos para fomentar a unión a través do deporte.

Nicolás Lorenzo, concelleiro de Deportes de Tui, avanzou que ao programa de actividades desenvolvidas en 2013 se incorporan seis novas probas  entre as que destacou,  o I Campionato Ibérico de Triatlón, que inclúe distancia olímpica e medio Ironman, e o I Rallie Eurocidade.  Mentres o vereador de Desporto de Valença, Jose Monte, destacou que o ano pasado participaron 3.500 persas nos eventos deportivos da Eurocidade.

O programa deportivo de 2014, no que figuran catorce probas comezará no mes de marzo.  As primeiras actividades deportivas deste novo programa comezarán no mes de marzo co  I Campionato de baile “Eurocidade” (09/03) e o III Eurocidade BTT (30/03). En maio vaise desenvolver o I Torneo de Tenis Eurocidade ( 1-4/05) e o IV Torneo de Fútbol Xuvenil (17-18/05). O III Eurocidade 10 (08/06) e a IV Travesía a Nado río Miño celebraranse en xuño mentres que o II Cuadriatlón Eurocidade está previsto para o 19 de xullo. En agosto as citas deportivas van ser o II Trofeo de  Balonmán e o Campionato Ibérico de Trialtón. A Liga de fútbol Sala Eurocidade en outubro, o I Rallie da Eurocidade e o I Cross Eurocidade en novembro e un campionato de kung-fu en decembro completan o programa.   Tamén están inseridas nestas programación as Andainas Saudables da Eurocidade que dende marzo se van celebrar o segundo sábado de mes en Valença e o último sábado de mes en Tui.