Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Catedral de Tui acolle mañá martes, ás 21.30h, o concerto de clausura do Curso Tamara Brooks

13/08/2018

Os alumnos de coro, orquestra e dirección achegarán un programa principalmente formado por música relixiosa. A entrada será de balde

A Catedral de Tui acolle mañá martes, 14 de agosto, ás 21.30h o concerto de clausura do 29º curso de dirección, canto e técnica vocal, coro e orquestra “Tamara Brooks”.

Os sesenta participantes nesta actividade formativa achegarán un concerto no que amosarán o traballo realizado ao longo dos últimos días nas distintas especialidades do curso. Así o alumnado de canto e instrumentistas da orquestra son dirixidos polo alumnos de dirección, coa colaboración dos profesores e músicos convidados. Ofrecerán un programa composto principalmente por música relixiosa de distintos estilos e épocas tanto a capella como con acompañamento. Estarán acompañados por Rasa Biveiniene ao piano, Fernando Briones ao órgano e Julio Domínguez na dirección.

Este curso naceu da man do Coro de Cámara Camerata Ad Libitum de Ponteareas e do seu director Julio Domínguez. En 2012, tras o pasamento da directora e pedagoga norteamericana Tamara Brooks, o curso tomou o nome Tamara Brooks, recoñecendo o seu importante labor desde o 2007.

Concerto de clausura do curso Tamara Brooks

Lugar: Catedral de Tui

Data: Martes, 14 de agosto, ás 21.30h