Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As Bibliotecas Municipais de Valença e Tui intercambian fondos bibliográficos

27/11/2008

AS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DE VALENÇA E TUI INTERCAMBIAN FONDOS BIBLIOGRÁFICOS

 

Hai un par de semanas que as Bibliotecas Municipais de Valença do Minho e Tui comezaron unha xeira de colaboración mediante a que se intercambiarán periódicamente lotes de libros entre ambos centros bibliotecarios para ofrecer aos seus lectores obras diversas (en galego e castelán no caso de Valença) o en portugués (no caso tudense).

Así ambas bibliotecas veciñas, e que comparten moitos dos seus lectores, inician unha andaina de colaboración promovendo o coñecemento de obras literarias e de todo tipo. Deste xeito os usuarios de ambas bibliotecas poderán achegarse ao coñecemento da cultura dos seus veciños que, sorprendentemente, moitas veces é amplamente ignorada a pesar de vecindade e proximidade xeográfica.

É vontade dos responsables de ambas bibliotecas que esta experiencia de colaboración vaia progresivamente ampliándose a novos ámbitos, facendo realidade que os libros, a cultura escrita, promove pontes de unión, de amistade e de coñecemento entre estas duas comunidades locais fronteirizas.

Así pois, senllos lotes de máis de cincoenta libros están dende hai algúns días abertos á lectura e ao préstamo domiciliario dos lectores das nosas bibliotecas.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, este feito suliña de novo o caracter emprendedor da biblioteca tudense que tenta abrir novos espazos de promoción da lectura e de achegamento ás diversas sensibilidades culturais que existen na nosa cidade. Con esta colaboración, agora humilde, dende a Biblioteca Municipal promóvese a cooperación coa localidade irmá de Valença afondando nunha liña estratéxica da vida tudense.