Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal recupera dende hoxe o seu horario de mañá e tarde

29/08/2022

No que levamos de ano foron retirados máis de 6.400 libros en préstamo neste centro bibliotecario

A Biblioteca Pública Municipal de Tui recupera dende hoxe, luns 29 de agosto, o  seu horario partido, cun horario de atención ao público de 9 a 14 h e de 16 a 21 h de luns a venres, e os sábados de 9 a 13 h. Deste xeito o centro bibliotecario tudense conta con 54 horas semanais de apertura ao público.

Ao longo deste no 2022 a Biblioteca Municipal tudense segue na mesma liña de préstamos dos últimos anos con máis de 800 emprestamos mensuais, en concreto ata o día de hoxe leva 6.474 libros retirados en préstamo a domicilio, dos que 3.897 son de literatura infantil (que representa un 60% dos préstamos). Na actualidade a biblioteca tudense conta cun fondo bibliográfico de 32.005 volumes á disposición dos lectores de Tui e a súa contorna.

O acceso á Biblioteca é libre e gratuíto para calquera persoa, unicamente cómpre ser “socio” ou “usuario” de calquera biblioteca da Rede de Bibliotecas de Galicia para acceder ao servizo de préstamo a domicilio ou ao servizo de “Galicia le”, a plataforma de préstamos de libros electrónicos da Rede de Bibliotecas de Galicia. Na actualidade a Biblioteca Municipal tudense conta 4.048 usuarios, tendo incorporado ao longo do que vai de ano un total de 173 novos usuarios na nosa Biblioteca.

A Biblioteca Municipal de Tui está presente tanto en internet, cunha web propia con información básica deste servizo cultural, pero tamén está presente en facebook; en Instagram e en Twitter. Esta presenza nas redes sociais posibilita que os usuarios coñezan directamente tanto as actividades que desenvolve a Biblioteca tudense como as novidades bibliográficas que vai incorporando e que enriquecen o seu fondo bibliográfico.

Para a responsable da concellería de Cultura, Sonsoles Vicente, a Biblioteca Municipal consolídase como un servizo público que garante o acceso á información e á cultura a todos os cidadáns, e como un lugar de encontro social que acolle múltiples iniciativas e propostas nas súas dependencias.