Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal organiza un contacontos na Piscina Municipal mañá xoves 17 de xullo

16/07/2008

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI ORGANIZA UN CONTACONTOS NA PISCINA MUNICIPAL MAÑÁ XOVES 17 DE XULLO ÁS 18,00 H.

A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza unha actividade de contacontos na Piscina Municipal tudense para mañá, xoves 17 de xullo, ás 18,00 horas. Esta actividade estará a cargo do grupo “Tusitala teatro” que representará a obra “Contos dos sete mares”.

Esta actividade de contacontos que organiza a Biblioteca tudense está viculada á instalación, por terceiro ano, na Piscina Municipal da “Bibliopiscina” ou escolma de libros para todas as idades que a biblioteca instala naquel lugar para ofrecer aos bañista a lectura como unha alternativa no tempo de lecer.

Trátase, en definitiva, que o libro e a lectura saian das paredes do recinto bibliotecario para achegarse aos cidadáns nos diversos lugares da súa actividade integrando a actividade lectora como un elemento normalizado na vida cotiá.

“Tusitala teatro” é un grupo de animación á lectura de A Coruña e ofrece nesta sesión a súa obra “Contos dos sete mares”, que achega aos nenos e nenas ao mundo das historias a través dos piratas. Unha nena experta lectora se atopa cunha vella pirata. Ambas teñen que unir as súas forzas coas do público para atopar un tesouro (que non é outro que os libros e os doblóns de chocolate).

Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta iniciativa de extensión bibliotecaria evidencia, nunha nova oportunidade, o intenso traballo de promoción do libro e a lectura que desenvolve a Biblioteca Pública Municipal tudense, actividade pola que no pasado ano 2007 resultou finalista nos Premios María Moliner que convoca o Ministerio de Cultura e a Federación Española de Municipios e Provincias. Trátase en definitiva de consolidar a lectura como un elemento imprescindible para todos os cidadáns e o seu desenvolvemento persoal.