Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal de Tui celebra o Día das Escritoras cunha mesa redonda sobre María Tydeska

11/10/2023

Será o próximo luns, 16 de outubro, ás 20 h

A Biblioteca Municipal de Tui súmase á conmemoración do “Día das escritoras” celebrando unha mesa redonda arredor da figura da escritora tudense “María Tydeska” sobrenome de María Gloria Pereira García. Será o vindeiro luns, 16 de outubro, ás 20 h horas na propia Biblioteca no Edificio “Francisco Sánchez” de Tui.

Nesta mesa redonda participarán dous fillos da escritora tudense, Paz e Guillermo Arean Pereira, xunto co responsable da biblioteca municipal, Rafael Sánchez Bargiela, estando moderada pola concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla.

A figura de María Tydeska ten saído do esquecemento social nos últimos anos gracias aos traballos da profesora da Universidade de Vigo, Amparo Solla, que documentou os seus poemas publicados no “Faro de Vigo” nos anos trinta do pasado século pero sen localizar a quen correspondía o pseudónimo de “María Tydeska” identificación realizada, no pasado ano 2022, por Rafael Sánchez.

Maria Gloria Pereira García (Tui, 1903 – Vigo, 1994) emprega o nome de “María Tydeska” para publicar os seus poemas, moitos deles en galego, no “Faro de Vigo” e prepara un poemario, que non chegou a publicarse, cun limiar de Sofía Casanova. Gran lectora dos clásicos conta cun amplo dominio da rima na súa produción poética moi influenciada por Rosalía de Castro.

Esta mesa redonda forma parte do programa de actividades que promove a concellería de Ensino, Cultura e Mocidade tudense a través da Biblioteca Municipal agrupadas co título de “Outubro mes da Biblioteca” que achega diversas actividades para todas as idades ao longo deste mes.  A concelleira Sonsoles Vicente sinala que o obxectivo desta actividade “é reivindicar o labor e o legado de Gloria Pereira Arean que enriquece a panorámica da cultura tudense coa súa achega como poeta”.

Esta celebración do “Día das Escritoras” está promovida pola Biblioteca Nacional de España, en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Trátase de reivindicar o labor e o legado literario das mulleres, tantas veces relegadas a un segundo plano ao longo da historia. A primeira edición levou a cabo en 2016, e desde entón, a data elixida é sempre o luns máis próximo ao 15 de outubro, aniversario do falecemento de Teresa de Jesús.

As palabras de Ana Santos Aramburo, directora da Biblioteca Nacional de España para a convocatoria deste nova edición do “Día das escritoras” resultan especialmente acaídas para a celebración arredor de “María Tydeska”:  “recuperamos a palabra de mulleres escritoras que nos seus textos reflicten sentimentos, procuras e loitas. Mulleres valentes cuxa obra, en moitas ocasións, foi ignorada. Rescatar hoxe a súa voz é un acto de xustiza e recoñecemento cara a todas elas”.