Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

A Biblioteca Municipal acada unha mención especial nos Premios Maria Moliner do Ministerio de Cultura

25/10/2007

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI ACADA UNHA “MENCIÓN ESPECIAL” NOS PREMIOS “MARIA MOLINER” DE ANIMACIÓN Á LECTURA 2007 CONVOCADOS POLO MINISTERIO DE CULTURA

 No día de onte foron fallados en Madrid –coincidindo coa celebración do “Día das Bibliotecas”- os premios “María Moliner” de animación á lectura, que neste ano cumpren a súa décima edición, e que se convocan anualmente para recoñecer os mellores proxectos de animación á lectura desenvolvidos polas bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes de toda España.

Estes premios están convocados polo Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña.

A Comisión de Valoración logo de analizar os 540 proxectos presentados, seleccionou 350 proxectos gañadores, que recibirán un lote bibliográfico de 200 libros, e de entre eles os tres proxectos premiados, nas diferentes categorías, que recibirán ademáis un premio en metálico.

Estes premios corresponderon, na categoría de animación á lectura, á biblioteca de Villena (Alicante), na categoría de labor bibliotecaria, á localidade asturiana de Pravia, e finalmente na modalidade de integración social, ao municipio de Sartaguda (Navarra).

Pero esta Comisión de Valoración dada a calidade dos proxectos presentados, quixo destacar cunha mención especial, na modalidade de labor bibliotecaria, ao proxecto presentado pola Biblioteca Pública Municipal de Tui, así como a de Os Santos de Maimona (Badaxoz). Na categoría de animación á lectura ao Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros (A Coruña) e na categoría de integración social ao proxecto bibliotecario presentado polo concello de Igualada (Barcelona).

O premio e a mención especial ao labor bibliotecario están destinados a recoñecer aqueles proxectos de animación á lectura dirixidos a calquera tipo de usuarios, que teñan como obxectivo un maior aproveitamento dos seus recursos, realicen actividades de extensión bibliotecaria e cooperen con colectivos e institucións e amosen a súa eficacia nos resultados acadados e na administración dos seus recursos.

O proxecto presentado pola Biblioteca Pública Municipal de Tui abrangue dende os aspectos do funcionamento interno da biblioteca (a reorganización realizada na colección bibliográfica) ata actividades de promoción da lectura como o concurso de caligramas, á animación á lectura en lengua inglesa, etc.

O concelleiro de cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, congratúlase por esta distinción que  avala a importante aposta que pola cultura está realizando o Concello de Tui; sinala que esta mención especial ao labor da Biblioteca Municipal recoñece o traballo que neste centro desenvolvese de cara á promoción da lectura como unha ferramenta básica no desenvolvemento personal e social e constituie un importante pulo para continuar traballando nesta liña.

O concelleiro tudense felicita aos profesionais da biblioteca tudense e agradece tamén a todos os usuarios da Biblioteca Municipal o seu apoio e colaboración neste proxecto compartido de dinamización do centro bibliotecario tudense.