Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Banda de Música Popular de Tui e as corais do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo ofrecerán o Concerto de Fin de Ano

20/12/2019

Será o próximo venres, 27 de decembro, ás 21h no Teatro Municipal de Tui

Catro agrupacións tudenses serán as encargadas do Concerto de Fin de Ano que o próximo venres, 27 de decembro, ás 21 h se vai celebrar no Teatro Municipal de Tui. A música chegará da man da Banda de Música Popular de Tui e das corais do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo que ofrecerán un repertorio no que primarán as panxoliñas e as composicións da familia Strauss.

A presentación realizada esta mañá na casa do concello estivo a cargo do alcalde, Enrique Cabaleiro; da concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente; do presidente e do director da Banda de Música Popular de Tui, Samuel Solla e Eloy Carrera; do director e do secretario da Coral CentroSociomunitario, David González e Gonzalo González; do tesoureiro e da integrante da Coral Ponte das Febres Manuel González e Helena Ucha; e da presidenta e do secretario da Coral San Telmo Teresa Prieto e Ricardo Martínez.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, explicou que no deseño da programación de Nadal asumiron dous retos que a programación evolucione, o que implica cambios, e dar cabida as tres corais tudenses nun “acontecemento único”, dicía.  Pero amais este evento busca tamén trasladar a gratitude dende o Concello a estas agrupacións polo labor artístico e social que realizan.  A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, amosouse orgullosa de poder reunir neste concerto de Fin de Ano por primeira vez a Banda de Música e as tres corais que existen no municipio.

A Coral do Centro Sociocomunitario de Tui, baixo a dirección de David González, será a encargada de abrir o concerto con “Noche de Paz”, logo interpretarán “Despacito no hagais ruído” e rematarán coa panxoliña “Seguindo unha estrela”.  A Coral Ponte das Febres de Ribadelouro, dirixida por Rafael Pérez, elixiu para este concerto “Corre lixeiro”, “O neno dormía” e a composición popular andaluza “Olé olé”. Con “Nadal de Luintra” abrirá a súa actuación a Coral San Telmo que interpretará tamén “O Meniño” e “Catro galegos a Belén” baixo a dirección de Celso Diego Martínez.

A concerto proseguirá coa intepretación por parte das tres corais e da Banda de Música Popular de Tui de “Blanca Navidad” e “Adeste Fidelis”. A última parte deste evento musical correrá a cargo da Banda de Música Popular de Tui que ofrecerá o tema principal da banda sonora de Xogo de Tronos, as panxoliñas “Feliz Navidad” e “Adeste Fidelis”, e o “Danubio Azul” e “Marcha Radetzky” de Johann Strauss.

Dende o próximo luns, 23 de decembro, e até o venres 27 ás 12h estarán á venda as entradas a través da web www.culturatui.info aos prezos 5€ e 3€. Tamén se poderán adquirir o propio venres 27 dende as 19.30 h no despacho de billetes.