Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Banda de Música Popular de Tui e a Banda de Música Xuvenil de Xinzo actuarán no XXVI Festival de Bandas

3/08/2017

O sábado, 5 de agosto, a praza de San Fernando será o escenario deste clásico das citas musicais na cidade

Un ano máis terá lugar en Tui o Festival de Bandas, que chega á súa XXVI edición. Será este sábado, 5 de agosto, na praza de San Fernando, ás 22h. Esta cita musical é un dos clásicos da programación de verán do Concello de Tui e contará nesta ocasión coa actuación da Banda de Música Popular de Tui e, como convidada, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo.

A Banda de Música Popular de Tui foi fundada no ano 1881 e continuou sen interrupcións ata a súa desaparición no 1936, a causa da Guerra Civil Española. A súa primeira reaparición data do ano 1942, aínda que permaneceu pouco tempo en activo por falta de medios económicos. No ano 1967 foi a súa volta definitiva e xa a partir do 1980 foise consolidando a banda actual e a creación da Escola de Música. Na súa andaina ten participado en diversos certames, ademais de facer actuacións nacionais tanto en Galicia coma no resto de España e internacionais en Portugal e Arxentina. Na actualidade está dirixida por Adolfo Besada Alvárez.

O programa que ofrecerán este sábado será o seguinte:

  • Pasodobre A Mi Madre de Roque Baños.
  • Fantasía Militar El Sitio De Zaragoza de C. Oudrid.
  • Movemento para dúas trompetas e Banda ROLIPOPS de J.F. Michel.
  • Obertura Appalachian Overture de James Barnes.
  • Fiesta de las Trompetas de Roy Anderson.

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo comezou a súa nova etapa no ano 1979 da man do mestre José Guillén Lorenz. Son varios os directores que teñen traballado para esta agrupación, que foi acadando pouco a pouco o nivel co que conta na actualidade. Teñen logrado premios en diversos certames e publicado distintos discos, entre eles unha colaboración coa Fundación Reveriano Soutullo, pola que recibiron no ano 2014 o Premio Concello de Ponteareas á súa contribución no eido cultural. Entre 2015 e 2016 a Banda Musical de Xinzo iniciou un proceso de actualización da súa imaxe e organización para continuar co seu crecemento de forma sólida. Na actualidade o seu director é Roberto Sánchez Barreiro.

O programa que van ofrecer este sábado en Tui é o seguinte:

  • Machaco, J.R. Pascual Vilaplana.
  • Ireland : Of Legend and Lore, Robert W. Smith.
  • Os Sons da Atlántida, A.A. Montes Abalde.
  • Caribbean Concerto, Kees Vlak

1- St. Eustatius.

2- Saba.

3- St. Maarten.

  • Noites de Lúa na praia, E.Campos arr: J.L. Represas.
  • Solista: Silvia Fernandes Táboas.

En caso de choiva o festival celebrarase no Teatro Municipal, debendo nese caso retirar un máximo de dúas entradas por persoas, de xeito gratuíto, dende ás 21.30h.