Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Axenda Urbana de Tui realiza unha consulta telefónica coa veciñanza

7/07/2022

A cidadanía de Tui avaliará e trasladará a súa visión da cidade a través dunha enquisa telefónica, unha enquisa online colgada na páxina web da Axenda Urbana de Tui e as entrevistas  a actores chave

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, informa que, como parte do proceso participativo da redacción da Axenda Urbana, esta semana estase a realizar unha enquisa telefónica estatisticamente representativa por cotas de idade, sexo e lugar de residencia (parroquias e centro urbano); unha  enquisa que preservará a identidade das persoas e non pedirá nomes, nin apelidos, nin enderezo, correo electrónico, DNI ou outros datos persoais.

Ademais, coa intención de dar a posibilidade de responder a esa mesma enquisa, ás persoas que non sexan seleccionadas aleatoriamente, e para poder acadar un maior número de datos e ollada tamén está dispoñible na páxina web do Concello e na páxina web da Axenda Urbana unha enquisa en liña na que a cidadanía poderá valorar a cidade e aportar suxestións.

Con tan só un clic veciños e veciñas transmitirán a súa opinión sobre o presente de Tui valorando do un ao dez as distintas cuestións plantexadas. A enquisa en liña estará dispoñible ata este domingo día 10.

Para acceder á enquisa en liña debemos entrar en Axenda Urbana de Tui e clicar en “participa”, directamente poderemos acceder a un breve cuestionario de preguntas directas e de doada resposta. Cales son as principais eivas e fortalezas, fomento do comercio, proxectos industriais, emprego, conectividade, xestión de recursos, políticas sociais e acceso a vivendas, son algúns dos temas dos que se poderá opinar.

O goberno solicita a colaboración cidadá e convida a participar tanto na enquisa telefónica como nesta enquisa en liña que servirá para coñecer a percepción que ten a veciñanza sobre Tui e ofrecerá importantes datos para o equipo de diagnose e redacción da Axenda Urbana de Tui.

Cabaleiro quere recordar que a Axenda Urbana non é un documento político, é unha estratexia que recollerá o crecemento sostible de Tui a dez anos e indispensable para poder optar ás axudas dos fondos europeos Next Generation.

Ademais, recorda que xa está a disposición da cidadanía unha páxina web propia da estratexia na que se poderá ir consultando as novidades e avanzas sobre a mesma. No sitio web https://axendaurbanatui.gal/

O proceso participativo da Axenda Urbana contempla reunións con asociacións e colectivos veciñais tanto do centro urbano como das parroquias, con técnicos municipais e voceiros de todos os grupos da Corporación, entre outros encontros e reunións. Ademais, realizáronse actividades nos distintos centros escolares. Dentro deste proceso de participación tamén se realizaron entrevistas en distintos formatos e cada mércores emítese un programa radiofónico que da voz á veciñanza e fai un seguimento do día a día do proceso da Axenda Urbana de Tui.

Co proceso de participación e a redacción da diagnose, o concello de Tui continúa a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

O obxectivo do proceso participativo é redactar unha estratexia consensuada que marque dun xeito estudado e planificado o crecemento de Tui nos vindeiros dez anos.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que  a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

O alcalde, Enrique Cabaleiro, lembra que dos 8.131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.