Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A aula UNED de Tui Impartirá un Curso de lingua Portuguesa

29/10/2013

Preparatorio para a proba do CIPLE – A2

 

A Aula UNED de Tui acollerá desde o próximo 8 de novembro e ata o 21 de marzo un curso de portugués, co obxectivo de preparar ao alumnado para a superación dunha proba oficial deste idioma correspondente ao nivel A2 do Marco Común Europeo de Referencia.

 

A aula UNED de Tui impartirá a partir do próximo venres 8 de Novembro un curso de portugués co obxectivo de preparar ao alumnado para superación da proba deste idioma correspondente co nivel A2 do Marco Común Europeo de Referencia, denominada CIPLE (Certificado inicial de português língua estrangeira).

 

Dita proba, que acredita oficialmente o coñecemento do idioma portugués, é realizada polo Centro de Avaliação de Português como Lingua Estrangeira, CAPLE, da Universidade de Lisboa de acordo co sistema ALTE (Association Language Testers in Europe) e en colaboración co Instituto Camões.

 

Na actualidade resulta imprescindible dominar unha segunda lingua. O portugués, con 217 millóns de falantes é a día de hoxe un dos idiomas máis demandados por estudantes e profesionais e ademais convértese nunha lingua de especial relevancia e utilidade dentro do territorio tudense, debido á situación fronteiriza deste municipio.

 

O curso, dirixido a toda persoa interesada, empregará unha metodoloxía participativa introducindo unha parte teórica, que se complementará con clases prácticas. Cunha duración de 30 horas lectivas e un prezo de 50 euros, a actividade comezará o 8 de novembro e prolongarase ata 21 de marzo. As clases desenvolveranse presencialmente nas instalacións da aula UNED de Tui todos os venres de 17:30h a 19:30h.

 

A matrícula deberá formalizarse a través de internet. No entanto, toda persoa interesada poderá obter máis información a través da páxina web da UNED-Pontevedra (http://www.unedpontevedra.com), chamando por teléfono ao 986851850 ou dirixíndose ás instalacións da aula UNED de Tui (Rúa Antero Rubín s/n, Antigo Convento de San Domingos). O horario de apertura da aula Universitaria tudense é de 16h a 20h de luns a venres (excepto xoves).