Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Área Panorámica tínguese de vermello co gallo do Día Mundial da loita contra o SIDA

29/11/2018

O Servicio de Prevención das Drogodependencias do Concello de Tui  leva a cabo varias accións de información e concienciación da enfermidade  

O Servicio de Prevención de Drogodependencias do Concello de Tui, co gallo do día mundial da loita contra o SIDA que se celebra este sábado, 1 de decembro, iluminará o edificio da Área Panorámica de vermello e colgará unha pancarta na fachada, ofrecendo a información a todos os cidadáns sobre a SIDA.

Dentro deste campaña o Concello de Tui vai desenvolver obradoiros nos institutos tudenses co obxectivo de promocionar estilos de vida e formas de diversión saudables, desmitificar falsas crenzas e mala información, permitirlle aos individuos estar a cargo da súa saúde e non ser pasivos, fomentar no marco asociativo xuvenil o desenvolvemento de estilos de vida saudables e ofrecer formación acerca desta enfermidade.

Ademais, o Servicio de Prevención das Drogodependencias do Concello de Tui, continuando con esta campaña, prepara esta fin de semana, en colaboración cos pubs de Tui, o reparto de preservativos, carteis, dípticos, e folletos informativos sobre esta enfermidade. Todos aqueles locais que queiran ter este material informativo poderá solicitalo nos servizos sociais do Concello.