Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Apertura do prazo de inscrición para a XVIII Feira de Artesanía de Tui

28/01/2014

Os interesados poderanse anotar ata o 20 de marzo

Martes, 28 de xaneiro de 2014. A Concellería de Cultura de Tui vén de abrir o prazo de inscrición para a XVIII Feira de Artesanía que se vai celebrar na cidade o sábado 3 e o domingo 4 de maio. O obxectivo deste evento é apoiar a comercialización do produto artesán coa convocatoria de 30 postos de venda directa, a promoción e difusión da actividade artesáns achegándoa ao público dun xeito claro e preciso. Tamén se persegue a dinamización do Conxunto Histórico de Tui, do Centro Comercial Aberto e da cidade de Tui no eido comercial, social e cultural.

Os artesáns que desexen participar na décimo oitava edición desta feira deberán estar en posesión da carta de artesán ou  equivalente. Deberán amais enviar ao Departamento de Cultura o impreso de solicitude xunto á documentación requirida nas bases de participación ata o xoves 20 de marzo. Existe un límite de 30 participantes, coa salvidade de que nunca un artesán de Tui quedará fóra da convocatoria.  Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes o Concello de Tui comunicará aos artesáns aceptados a súa participación nesta nova edición antes do 10 de abril.

A XVIII Feira de Artesanía celebrarase o sábado 3 e o domingo 4 de maio, de 12 a 22h, na rúa Ordóñez e nas prazas do Concello e San Fernando. A Praza da Misericordia de Tui será ocupada pola Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e a Asociación de Bordado ao Aire.

As bases completas e o boletín de inscrición pódese consultar na web do Concello de Tui en www.concellotui.org.