Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

A apertura do Mercado Medieval inicia o programa do festival Arraianos

29/08/2019

Xustas medievais, espectáculos nocturnos, xogos de rol e visitas teatralizadas forman parte da oferta que esta fin de semana se poderá gozar en Tui

O ambiente medieval toma xa as rúas de Tui e distintos establecementos comerciais preparados para a celebración dende mañá e até o domingo do IV Festival da Cultura Arraiana, Arraianos.

A apertura da trintena de postos do Mercado Medieval nas prazas do Concello, San Telmo, A Estrela e Frómista marcará o inicio desta cita coa historia. A gastronomía e a artesanía centrarán os artigos ofrecidos nos distintos postos onde haberá tamén produtos de bixutería, xoguetes, complementos, decoración e vestimenta medieval. Abrirá o venres de 20 a 00 h, o sábado de 12 a 00h e o domingo de 12 a 22 h, aínda que tanto sábado como domingo está establecido un descanso voluntario dos participantes de 15 a 19 h.

Mañá venres xa dende ás 19 h comezará tamén a animación polas rúas do Conxunto Histórico con música e animación medieval, convidando ao público a achegarse a Arraianos.

Cinco locais de Tui ofrecerán durante o festival – de venres a domingo de 20 a 23 h - un receitario medieval no que poderán degustar as tapas elaboradas para a ocasión ao prezo de 2 €. Será “Pasteis medievais de París” en Puro Sabor (so o venres); “Krépa D’nos” en Tapería Época; “Manxar de Meigas” en El Pórtico, “Camiño de Santiago” en Tapas e Viños, e “Carne ao caldeiro” en O Novo Cabalo Furado.  

O cárcere vello acollerá ás 21.30 h as “Ceas de Taberna” na que máis de medio centenar de comensais gozarán das receitas medievais e de Xogos de Tronos. Hai xa días que se venderon as entradas para a cea. Circocido e Asacocirco protagonizarán a “Noite da Donzela”, o primeiro dos espectáculos medievais previstos, a partir das 23.30 h na praza de San Fernando.

Quedan aínda algunhas prazas para a “Conquista do Miño en kaiak” que se vai celebrar o sábado ás 19 h. Dende a praia da Mariña os participantes terán que ir até a vella Ponte Internacional na busca dos lazos de cores que lles darán a vitoria. A inscrición está aberta na web asociacionarraianos.es ou se poden mercar as entradas no posto informativo que a Asociación Arraianos terá na praza do Concello.

Por outra parte o Paseo Fluvial acollerá o sábado ás 20 h o xogo infantil “Mouchos, coruxas, sapos e bruxas” dirixido a maiores de 10 anos.

O xogo de rol “Habelas Hailas”, que terá lugar o sábado ás 22 h, é unha das novidades deste 2019, que ten contado cunha gran aceptación, de feito esgotáronse as 30 prazas ofertadas, e estase a realizar unha lista de agarda que no caso de completar outra trintena de xogadores permitiría levar a cabo unha segunda rolda. Para anotarse nesta lista de agarda os interesados deben enviar un correo electrónico a produccion@asociacionarraianos.es co asunto “Habelas Hailas” e indicando o nome e apelido, idade e teléfono de contacto dos participantes, ou anotarse no posto da asociación organizadora dende mañá.  Este xogo de rol ambiéntase no século XIV tras a desaparición do Malleus Maleficarum, coñecido coma o Martelo da Bruxas, e que fora empregado durante moito tempo polos inquisidores para a caza de bruxas.  Haberá distintos personaxes que loitarán pola vitoria.

A Noite das Curuxas” é o título da primeira das visitas teatralizadas previstas, que se vai realizar o sábado ás 23 h con temática de medo – para a que se completaron as prazas - , e tamén do espectáculo que ás 00 h Circocido e Hípica Celta realizarán na praza de San Fernando.

O domingo a programación ábrese ás 12 h no cárcere vello coa conferencia Arraianos a cargo do historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela. A entrada é de balde.

Pola tarde haberá dobre pase da “Visita Teatralizada Arraianos” centrada no mundo viquingo. A participación nestas visitas é limitada e é preciso inscribirse previamente en asociacionarraianos.es ou no posto da asociación. Teñen un prezo de 8 € por adultos, 4 para rapaces e rapazas de 11 a 18 anos, e gratuíta para os menores de 10 anos.

O programa péchase o domingo ás 21h no Paseo Fluvial coa “Noite do escudeiro” que presenta unha serie de espectáculos medievais con combates corpo a corpo, xustas medievais,...

Restricións no tráfico

Debido á celebración do Festival Arraianos estará prohibida a circulación e o estacionamento dende mañá venres ás 8 h até o domingo ás 23.59 h en  Porta da Pía, rúa das Monxas, rúa Seixas, praza de San Fernando, praza do Concello, rúa Sanz, rúa Entrefornos, rúa do Párroco Rodríguez Vázquez, rúa de San Telmo, praza do Pracer, praza da Estrela, praza de Fromista, rúa Lorenzo Cuenca ( ata a rúa Tide), e Praza da Armada. Amais o domingo durante todo o día estará prohibida a circulación e o estacionamento na Baixada ao Embarcadoiro.