Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Andrea Monzón, Iván Alonso e Óscar Carrera galardoados na gala do deporte provincial.

5/04/2013

Venres, 5 de abril de 2013. Onte celebrouse, no pazo provincial da Deputación de Pontevedra, a Gala Provincial do Deporte, onde os tudenses Iván Alonso, Óscar Carrera e Andrea Monzón recibiron os diplomas como finalistas nos premios aos mellores deportistas do ano 2012 nas súas categorías respectivas.

 

Así, o padeeiro Iván Alonso Lage non foi galardoado como mellor deportista na categoría sénior masculino, a pesar dos éxitos acadados no ano pasado, cando se proclamou bicampión do mundo de maratón en K1 e K2, amais de Campión de España de Maratón en K1 e Subcampión en K2, como resultados máis destacados. O premio foi para o xogador da Selección Española de Balonmán Pablo Cacheda.

 

Pola súa parte, o tamén padeeiro Óscar Carrera Amandi, foi recoñecido como finalista ao mellor deportista na categoría promesa masculino, xunto aos seus compañeiros Álvaro Bravo, Rodrigo Germade e Roberto Abal ao conformar a embarcación K4 que se proclamou Subcampión de Europa. O premio para o mellor promesa masculino foi para o xogador de fútbol do Celta de Vigo, Jonathan Castro.

 

E por último, Andrea Monzón do Club Náutico San Telmo na modalidade de esquí náutico, recibiu o diploma como finalista á mellor deportista promesa feminina.

 

Os nosos deportistas evidencian nunha nova oportunidade a súa alta capacidade e excepcional traxectoria, que os acreditan como uns dos principais referentes do deporte de Galicia e de España. Lembrar que os dous padeeiros foron homenaxeados na I Gala do Deporte Tudense, onde recibiron os premios aos mellores deportistas tudenses nas súas respectivas categorías.

 

O Concello de Tui felicita aos tres deportistas por ser incluídos dentro destes premios, que indican o bo traballo realizado no ano 2012. Estamos seguros que para a presente tempada volverán a estar no más alto dos podios nas súas competicións.