Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aberta a exposición “Olladas no Camiño de Santiago” na Eurocidade Tui – Valença

20/09/2012

Forma parte das actividade do Forum Peregrino a celebrar do 18 ao 30 de setembro

 

Está aberta ao público a exposición de fotografía “Olhadas no Camiño de Santiago”, na Eurocidade de Valença do Minho e  Tui. Esta exposición, poderá visitarse até o 30 de setembro, na Sala Municipal de Exposicións no edificio  Área Panorámica en Tui e; en Valença, na  Galería  Contrasta e no posto de Turismo.

 

Son 70 fotografías dos artistas fotográficos Delmi Álvarez, Fernándo Belas, Tino Martínez, Javier Tenente, Xulio Vilariño e Tino Viz, organizadas pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia.

 

Despois de visitar diversas cidades en todo o mundo, esta exposición chega agora a España. coa intención de mostrar, coa perspectiva destes fotógrafos, a riqueza que o fenómeno xacobeo xera no Finisterrae europeo, en Galicia.

 

A paisaxe, o patrimonio histórico, a riqueza humana dos peregrinos, dos visitantes e das persoas que viven ao longo dos Camiños que van a Santiago de Compostela, son rexistrados polas cámaras de seis fotógrafos galegos.

 

Dende iconas puramente xacobeas, ate manifestacións antropolóxicas, dende retratos con nome e apelido ate a figura anónima no espazo, desde paisaxes abertas ate a intimidade das igrexas e os claustros. Estes artistas senten e reflicten a través das súas obras como, nunha sociedade globalizada e acelerada, existen espazos nos que, independentemente de quen sexa e cara a onde vaia, sempre sentirá identificado. O tempo toma unha dimensión diferente da que estamos afeitos no noso ritmo cotián. O destino colócanos. O destino é o Camiño de Santiago.

 

Esta exposición enmárcase dentro dos actos programados no Forum Peregrino, que pretende ser un espazo aberto de encontro e diálogo entre peregrinos de diferentes lugares. Non é un conxunto de conferencias, senón un debate aberto entre todos os participantes, no que cada un, poderá expor as súas propias ideas.

 

O Fórum Peregrino realízase os días 28, 29 e 30 de Setembro, na  Eurocidade de Valença e de Tui, representando así o carácter internacional e a eliminación das fronteiras físicas e culturais, que simboliza o Camiño de Santiago.

 

O  Fórum Peregrino é unha organización conxunta da Asociación Iacobus  e da  Associação Espaço Jacobeus que conta coa colaboración  do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença. Para máis  información e inscricións,  www.forumperegrino.org