Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

749 Peregrinos comenzaron en Tui no pasado mes de Maio o camiño de Santiago

11/06/2013

Xunto con Valença a Eurocidade acolleu a saída de 1.197 persoas

Martes, 11 de xuño de 2013. Ata 749 foron os peregrinos que iniciaron na cidade de Tui o seu camiño de peregrinación a Santiago, que sumándolle os que iniciaron a súa peregrinaxe en Valeça, 446, temos que da Eurocidade saíron cara a Compostela 1197 peregrinos.

Neste mesmo mes de maio foron 3.441 os peregrinos que realizaron o itinerario do camiño portugués que se consolida cada día como o segundo camiño de peregrinación, como alternativa ao Camiño Francés, segundo os datos fornecidos pola Oficina de Atención ao Peregrino da Arquidiocese de Santiago.

Cada mes se comproba como a Eurocidade Tui – Valença é a porta de entrada en Galicia dos peregrinos que percorren o Camiño portugués. Tui é a localidade do camiño portugués con maior número de peregrinos que inician aquí a súa peregrinación. Os peregrinos que preparan o seu itinerario escollen a Tui como lugar de inicio do seu camiño tanto polos seus recursos turísticos e patrimoniais, coa Catedral como gran atractivo, como polos servizos de atención aos peregrinos que oferta este municipio.

Para os responsables municipais estes datos testemuñan como a peregrinación xacobea é un recurso turístico e cultural de primeiro orde na nosa cidade pois aporta un importante número de visitantes que percorren as rúas do noso conxunto histórico.

Con estes datos facilitados pola Oficina de Estatística do Arcebispado de Santiago evidénciase, nunha nova oportunidade, a importancia que posúe a nosa cidade nos itinerarios xacobeos e como o Camiño portugués segue gozando dun alto atractivo para os peregrinos que percorren esta ruta histórica de peregrinación que ten en Valença e Tui o seu lugar de entrada en Galicia.