Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

400 persoas de 14 equipos xogarán na fin de semana o III Torneo Eurocidade de Fútbol 7

15/05/2014

 

Xoves, 15 de maio de 2014. Catrocentas persoas entre xogadores, adestradores e directivos de catorce equipos van participar esta fin de semana no III Torneo Eurocidade de Fútbol 7, organizado pola Eurocidade Valença-Tui, en colaboración co S.D. Valenciano e do Tyde F.C.

 

A cita neste terceira edición do torneo terá lugar tanto en Tui coma en Valença nas instalacións deportivas Álvarez Durán e Dr. Lorenzo Raimundo, respectivamente.

 

A presentación desta actividade deportiva tivo lugar onte a mañá na Biblioteca de Valença a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, así como Felipe Lima do S.D. Valenciano e José Manuel Quintana do Tyde F.C.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinalou coma o xogarse partidos internacionais ten unha motivación extra para os equipos, ao tempo que permiten estreitar lazos de amizado. Tamén que puxo de relevo  nunha nova ocasión a importancia de seguir fomentando hábitos saudables.

 

Nicolás Lorenzo, concelleiro de Deportes de Tui, salientou coma o torneo nesta edición segue a crecer en número de participantes acadando os 400, co que todo fai pensar que nas actividades deportivas da Eurocidade se van superar os 5 mil participantes fixados coma obxectivo para este ano.  O seu homólogo de Valença, José Monte, coincidiu en sinalar o número considerable de equipos participantes, destacando que serán dous días cunha actividade deportiva importante na que o obxectivo é que os xogadores dos dous países se poidan coñecer.

 

José Manuel Quintana do Tyde F.C. lembrou que a segunda edición deste torneo celebrada o ano pasado foi éxito. Apuntaba que este ano esta actividade abarca dende A Guarda a Salvaterra e dende Monçao a Caminha, amosando o seu desexo de que este campionato continúe a crecer en próximas edicións.  Felipe Lima, do S.D. Valenciano, salientou a importancia deste torneo que promove a práctica deportiva entre os máis novos.

 

No III Torneo Eurocidade de Fútbol 7 van participar os seguintes equipos A Guía Guardesa, Agrupación M. Minho, Campos, Courense, Fontourense, Goián, Melgaço, Monçao, Raianos, Ribadelouro, Tyde, Valenciano, Vila do Corpus e Sociedade Deportiva Cerveira. Os equipos da categoría 1 (nados entre 1/01/2001e 31/12/2002) xogarán no Campo Álvarez Durán en Tui dende ás 9.30h ás 14h do sábado, e os da categoría 2 (nados entre 1/01/2003 e 31/12/2004) no Estadio Dr. Lorenzo Raimundo en Valença o sábado de 9.30h a 17.30h. As semifinais e finais de cada categoría terán lugar na mañá do domingo en Valença.