Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

350 participantes da I Transgalaica Tui 2014

7/04/2014

Luns, 7 de abril. Onte disputouse a I Transgalaica Tui 2014 na que 350 ciclistas tomaron a saída dende o entorno da casa cultural e o pavillón da Comunidade de Montes de Areas baixo a organización do  Club Ciclista de la Fuente e Team Relay e en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Ciclismo.

Nesta proba competitiva polos montes de Areas, Malvas e Pexegueiro, o claro dominador na categoría masculina foi Brandán Márquez, do Team Corbelo, por diante dos corredores do Club Ciclista de la Fuente, Javier Busto e o tudense Avelino Vaz.

Na categoría feminina a ganadora foi Susana Alonso, do Extremadura MTB Team, seguida de Silvia Blanco Dosil e Silvia García Iglesias.

O Club Ciclista de la Fuente acadou a primeira posición na xeral por equipos nunha proba que estivo apoiada pola Cruz Vermelha de Valença, Protección Civil e Policía Local de Tui, así como polos colaboradores do club organizador e dos clubs ciclistas locais MTB Aloia e Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas.

O Concello de Tui felicita ao Club Ciclista de la Fuente e ao seu presidente,Dean Flecher, pola perfecta organización desta primeira Transgalaica Tui 2014.