Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

220 corredores participan esta fin de semana no Big Ride Tui

15/06/2013

 

Venres, 14 de xuño de 2013. 42 quilómetros, 5 tramos, 210 corredores, son algunhas das cifras do II Big Ride que esta fin de semana se vai celebrar en Tui.  Esta proba deportiva está organizada por Sherpa Project coa colaboración do Concello de Tui e o patrocinio de Cannodale.

 

A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Parador de Turismo de Tui a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o responsable de Sherpa Project, Guti Martín, e o campión do Mundo da especialidade, Jerome Clementz.

 

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, destacou que con esta actividade deporte “damos un salto moi importante de calidade e nivel deportivo”.  Anunciou amais que están traballando nun proxecto para no futuro poder acoller en Tui unha Copa do Mundo desta modalidade.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, fixo referencia á importancia da celebración de probas deportivas coma esta en Tui que “trasladan a imaxe da cidade a nivel nacional e internacional”. Explicaba que a Eurocidade conta cos sitios axeitados, como o Monte Aloia e o Monte Faro, para estes eventos, que engadía “teñen a súa repercusión tamén no turismo”. 

 

Pola súa parte o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comezou lembrando o premio do Deporte Galego recibido pola Eurocidade, felicitando ao Concello pola “súa aposta decidida polo deporte”. Apuntaba que Tui reúne a “grandes deportista e grandes organizadores”.  Concluía manifestando que “quero testemuñar coa miña presenza todo o noso apoio”.

 

Guti Martin, de Sherpa Project, daba os pormenores desta proba deportiva de bicicleta de montaña que será Open de España de enduro. Explicaba que o Big Ride Tui constará de 42 quilómetros en 5 tramos e 1.800 metros de desnivel. Engadía que nesta segunda edición recuperaron circuítos que non se empregaban dende os anos 90. Van participar 210 corredores, entre eles o campión do mundo Jerome Clementz, o californiano Ben Cruz, a francesa Pauline Dieffenthaler, o  inglés Aidan Bishop ou o campión nacional Tony Pérez.

 

A oficina do Big Ride está situada na Área Panorámica, onde o público poderá consultar o mapa da carreira, onde poderá ver os lugares desde os que disfrutar desta espectacular proba.

 

Jerome Clementz, presente tamén na rolda de prensa, amosouse moi contento de estar de novo no Big Ride Tui, que apuntaba será para el un bo test de cara á segunda proba da World Series.

 

 

 

Big Ride