Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

20 persoas participaron no obradoiro "un coidador, dúas vidas" para familiares de persoas con alzheimer

31/10/2013

Foi clausurado onte

 

Xoves, 31 de outubro de 2013. Onte remataba o obradoiro "Un coidador, dúas vidas" que se celebrou no edificio da Área Panorámica de Tui durante o mes de outubro. Un total de 20 persoas acudiron a esta actividade formativa dirixida a familiares de persoas con Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas.

 

Ao concluír este obradoiro a concelleira de Servizos Sociais, Olga Montes Moldes, entregoulles a todos os participantes os correspondentes certificados de asistencia e agradeceu o interese manifestado neste curso.

 

Baixo a dirección da psicóloga de Afaga, Maxi Rodríguez, abordáronse as técnicas de autocoidado, manexo do paciente, planificación do tempo ou cómo detectar os primeiros síntomas da enfermidade e qué facer ante eles.

 

Todas as actividades estiveron enfocadas á divulgación de información e formación dos familiares para propiciar unha maior autonomía tanto para os enfermos coma para  o seu entorno.

 

Este obradoiro realizouse grazas ao convenio asinado entre o Concello de Tui e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Galicia, AFAGA, ao sumarse o municipio á iniciativa de “localidade solidaria co Alzheimer”.