Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

1.200 persoas participarán o martes no Desfile-Concurso de Entroido en Tui

8/02/2013

1.200 persoas participarán o martes no Desfile-Concurso de Entroido en Tui

 

Venres, 8 de febreiro de 2013. Mil duascentas persoas van participar o martes, 12 de febreiro, no Desfile-Concurso de Entroido en Tui. Distribuiranse en dous grupos de Tui, e 16 comparsas das que 9 son de Tui, 3 de Salceda, 2 de Tomiño, unha de Vigo e outra de Gondomar.

 

No circuíto establecido polas rúas novas da cidade poderase ver desfilar a deseños animados, gregos, artistas dun circo, personaxes de conto, piratas, sanitarios, vikingos, protagonistas de videoxogos, ... entre moitos outros.

 

O desfile-concurso sairá ás 17.30h da rúa Casal Aboy para percorrer Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e  A Guarda. Como cada ano agárdase que miles de persoas ateiguen este viais como ten acontencido en edicións anteriores. En caso de choiva o desfile aprazaríase para o sábado16 de febreiro ás 17.30h. 

 

Neste concurso repartirase un máximo de 11.850 euros entre os participantes en concepto de premios, trofeos e compensación económicas por participar.  Está establecido un premio xeral, no que competirán de xeito conxunto grupos e comparsas e no que se valorará a orixinalidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza. Nesta categoría haberá un total de sete premios que oscilan entre os 700€ do primeiro e os 100€ do sétimo. En carrozas establécense outros sete premios dotados con contías que van dos 400€ aos 50€. Amais haberá tres premios para acompañamento musical, de 250€, 150€ e 50€, para a música interpretada en directo, e por último hai un único premio para fantasía valorado en 300€.

 

A compensación económica que recibirán as comparsas e grupos por participar oscila entre os 500€ que percibirán as comparsas de Tui con carroza e os 100€ que levarán os grupos de Tui sen carroza.

 

Todas as comparsas e grupos deberán asistir ao Enterro do Bacallau que terá lugar o domingo, 17 de febreiro,  ás 19.30h dende a Praza de San Fernando.

 

Co gallo da celebración do Entroido o martes 12 dende ás 14h e ata ás 22h estarán pechadas ao tráfico e non se poderá estacionar nas rúas Casal Aboi, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo. Amais o domingo 17, co gallo do enterro do Bacallau,  o aparcamento municipal permanecerá pechado de 14h a 24h. Amais na rúa Seixas non se poderá aparcar entre ás 17.30h e ás 20.30h, e non se poderá circular pola mesma de 18.30h a 20h.