Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

1.200 persoas participarán mañá martes no Desfile-Concurso de Entroido en Tui

3/03/2014

Luns, 3 de marzo de 2014. Tui celebra mañá martes, 4 de marzo, o seu tradicional Desfile-Concurso de Entroido que vai reunir a miles de persoas na cidade. A saída será ás 17.30h dende a rúa Casal Aboy. Mil persoas participarán neste evento formando parte das 13 comparsas e 1 grupo que se inscribiron. Hai 6 comparsas de Tui e 7 doutros municipios coma A Cañiza, Salceda,  Gondomar, Vigo e Tomiño, e 1 grupo de Tui. No circuíto establecido pola rúas novas agárdase, coma en anos anteriores a miles de persoas. Parodias dun concurso de televisión, tribos africanas, repostería, a Grecia antiga, Irlanda, ou a película ICE Ace estarán presentes nas comparsas e carrozas participantes.  No desfile vanse repartir 5 mil euros en premio, outros 5 mil euros en compensacións por participar e 400 euros en trofeos. Está establecido un premio xeral no que se valorará a orixinalidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza. Nesta categoría haberá un total de sete premios que oscilan entre os 700€ do primeiro e os 100€ do sétimo. En carrozas establécense outros sete premios dotados con contías que van dos 400€ aos 50€. Amais haberá tres premios para acompañamento musical, de 250€, 150€ e 50€, para a música interpretada en directo, e por último hai un único premio para fantasía valorado en 300€. A compensación económica que recibirán as comparsas e grupos por participar oscila entre os 500€ que percibirán as comparsas de Tui con carroza e os 100€ que levarán os grupos de Tui sen carroza.  Todas as comparsas e grupos deberán asistir ao Enterro do Bacallau que terá lugar o domingo, 9 de marzo,  ás 19.30h dende a Praza de San Fernando. Co gallo da celebración do Entroido o martes 4 dende ás 14h e ata ás 22h estarán pechadas ao tráfico e non se poderá estacionar nas rúas Casal Aboi, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo.