Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana o público familiar ten unha dobre cita no Teatro Municipal de Tui con Don Quixote e a Carapuchiña Vermella

7/02/2017

“Don Quixote, unha comedia gastronómica” presenta unha montaxe única  cos espectadores no escenario e a “Carapuchiña Vermella” buscará unha experiencia inmersiva con música en directo

Dobre cita esta fin de semana no Teatro Municipal de Tui. O venres, ás 20h, Limiar Teatro Presenta “Don Quixote, unha comedia gastronómica” e o sábado, ás 19h, Educa Teatro achega “Carapuchiña Vermella”.

“Don Quixote, unha comedia gastronómica” trátase dunha obra cun gran percorrido con máis de 200 representacións en España, Francia, Brasil e Portugal que agora se renova en Tui cunha montaxe novidosa nunca antes vista. Por primeira vez, Fran Núñez subirase ao escenario xunto ao público asistente nun espectáculo áxil, cómico e íntimo. Dirixida ao público infantil e familiar, os espectadores poderán gozar do teatro dende unha perspectiva pouco habitual, sobre o escenario, sentados en cadeiras nun semicírculo xunto ao propio actor. Por mor deste “formato especial para Tui”, en palabras de Núñez, o aforamento estará limitado a 100 persoas.

A obra mestura literatura e gastronomía, coa preparación do prato  de “potaxe de vixilia”, o mesmo que lle ofreceron a Don Quixote na súa primeira saída para ser armado cabaleiro andante. Trátase dun “xogo teatral e gastronómico no que o humor e a tolemia de Don Quixote encarnarase en Alonso”.

As entradas están á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 12h ou o venres pola tarde dende ás 18.30h no despacho de billetes da Área Panorámica ao prezo de 3,5€ e 2,5€. Lémbrase que debido a esa montaxe especial e en primicia, o aforamento está limitado a 100 entradas.

Amais, o sábado, 11 de febreiro, ás 19h, o Teatro Municipal de Tui volverá a subir o pano co musical “Carapuchiña Vermella”. A clásica obra, de sobra coñecida polo público, adáptase agora aos novos tempos e incorpora chiscádelas á actualidade co uso das novas tecnoloxías por parte de carapuchiña.

En palabras do produtor de Educa Teatro, Xandre Vázquez, búscase unha “experiencia inmersiva para toda a familia dende o momento en que chegan ao teatro”. Por isto, a maxia de entrar no mundo da nosa protagonista estará patente dende o comezo, cun photocall para que os nenos e nenas poidan tirar fotografías cos protagonistas. Ao tempo, repartiranse entre os cativos caretas cos rostros da carapuchiña e do lobo.

A obra conta cunha banda sonora orixinal, con sete cancións en directo que, segundo Vázquez, “tratan temas como a igualdade, a reciclaxe ou a escolla dunha profesión”.

Neste caso as entradas están á venda en www.culturatui.info ata o sábado ás 12h ou o sábado pola tarde dende ás 17.30h no despacho de billetes da Área Panorámica ao prezo de 4€ e 3€.

 

Don Quixote, unha comedia gastronómica, de Limiar Teatro

§ 

Lugar: Teatro Municipal de Tui

§ 

Data: Venres, 10 de febreiro, ás 20:00h

§ 

Duración: 50 minutos

§ 

Público: 6-11 anos

§ 

Prezo: 3,5€ e 2,5€

 

 Carapuchiña vermella, de Educa Teatro

§ 

Lugar: Teatro Municipal de Tui

§ 

Data: Sábado, 11 de febreiro, ás 19:00h

§ 

Duración: 50 minutos

§ 

Público: infantil, todos os públicos

§ 

Prezo: 4 € e 3€