Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A peonalización do conxunto histórico comezará nas fin de semana

24/01/2017

En breve porase en marcha a peonalización do conxunto histórico de Tui nunha primeira fase que será operativa durante as fins de semana. Neste primeiro período de proba, comprobarase o correcto funcionamento tanto das pilonas coma dos semáforos que dan acceso á zona. Inicialmente permitirase estacionar pola noite aos residentes debendo retirar os vehículos antes das 8h.

Estes días no Concello de Tui remata a tramitación dos máis de 200 expedientes dos veciños que solicitaron o acceso cos seus vehículos a esta zona da cidade unha vez estea activa a peonalización. Precisamente dende mañá mércores, 25 de xaneiro, estes veciños poden pasar a retirar os mandos a distancia  para abrir as pilonas na empresa Cerezo S.L., na rúa Colón 24. O primeiro mando é gratuíto para os veciños, podendo os usuarios solicitar novos mandos na mesma empresa.

Para acceder ao conxunto histórico contarán tamén con mandos as forzas de seguridade, e os servizos de emerxencias, para poder acceder á zona en caso de necesidade. Do mesmo xeito o servizo de reparto a domicilio ou de carga e descarga poderá acceder no horario marcado polo Concello.  Cómpre lembrar que os vehículos autorizados contarán cun distintivo específico, que deberá figurar nun lugar facilmente visible, no que constará a matrícula do vehículo autorizado e o seu período de validez. Existen cinco modelos de distintivos para propietarios, residentes, titulares de establecementos, residentes nas rúas de estacionamento habilitadas exclusivamente para residentes e servizos.

En breve darase a coñecer a data exacta na que comezará a aplicarse a peonalización durante as fins de semana. Deste xeito culmina un longo proceso que incluíu a aprobación da ordenanza reguladora en 2014, modificada o ano pasado, e a tramitación dos expedientes de solicitude de acceso por parte dos veciños, así coma a comprobación do correcto funcionamento de todo o sistema de acceso á zona monumental.   

A concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez, amosa a súa satisfacción ante a próxima posta en marcha da peonalización do conxunto histórico de Tui, o que redundará na conservación desta zona da cidade e na súa posta en valor. Ao restrinxirse o acceso de vehículos diminuirase o ruído, a contaminación ambiental, e reforzaranse as potencialidades turísticas e comerciais. Ao tempo tamén mellorará a habitabilidade, a sostenibilidade e a recuperación do peón como elemento esencial da identidade urbana nesta zona de especial protección.

Ordenanza reguladora do tráfico no conxunto histórico.