Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Bando Fogueiras de San Xoán 2022

26/05/2022
Áreas: 
Alcaldía

BANDO
ENRIQUE CABALEIRO GONZÁLEZ, ALCALDE DO CONCELLO DE TUI,

FAI SABER QUE:

Con motivo da celebración da festividade de San Xoán, e por medio do presente Bando, este Concello lembra á veciñanza as normas para a realización das tradicionais cacharelas de San Xoán.
As normas e condicións de seguridade para a realización das cacharelas son as seguintes:

1) Presentación no rexistro xeral do Concello, antes do próximo día 15/06/2022 ás 13,30 horas, ou na súa sede electrónica https://concellotui.sedelectronica.gal, especificando os seguintes datos:Nome e apelidos e DNI do solicitante.Enderezo.Compromiso de dispor no acto dun teléfono móbil en pleno funcionamento, con indicación na solicitude do seu número.Copia do D.N.I. dos responsables.Plano de situación con indicación e lugar.Memoria descritiva onde se definan as actuacións a desenvolverse así como o aforo máximo previsto.

2) Deberán situarse en zonas idóneas para estes fins. Non poderán realizarse en terreos que teñan natureza forestal, ou que estean preto deles ou de vexetación susceptible de propagar o lume (Art. 36 da Lei 3/2007, de 9 de abril), nin baixo o arboredo de parques e xardíns.

3) Presentación de póliza de seguro de responsabilidade civil nos termos da normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia (Disposición transitoria terceira da lei 10/2017 de 27 de decembro).

4) A distancia das fogueiras ás casas, árbores e demais obxectos será de 20 metros como mínimo. O diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros. Non deberán situarse coches ou outros vehículos de tracción mecánica a menos da distancia mínima sinalada, nin por suposto, depósitos de combustible ou almacéns de substancias especialmente inflamables. Porase especial coidado de non situalas preto dunha zona forestal, nin baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, e ter conta de que nos arredores non haxan produtos inflamables.

5) No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público lousados, asfaltados ou pintadas, os/as organizadores/as encargaranse de protexer o pavimento e pintura cunha capa de area de 10 cm. en toda a superficie da fogueira.

6) Teranse a man mangueiras, extintores ou cando menos, auga con capacidade para uns 20 caldeiros, e os correspondentes caldeiros.

7) Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, aceites ou calquera outra substancia que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) aínda que estean baleiros. Tamén prohíbese facer fogueiras nas praias e preto de elementos que constitúen o patrimonio histórico, aos efectos de evitar calquera tipo de dano.

8) O fogo deberá ser pequeno nun primeiro momento botarase a leña progresivamente e nunca superarán unha dimensión tal que impida sufocalos coa suficiente rapidez cós medios precisados no apartado sétimo.

9) Disporase dunha pequena caixa de primeiros auxilios especialmente equipada para queimaduras.

10) Deberá de terse a debida precaución de non situarse no lado oposto ao vento.

11) As fogueiras quedarán completamente enterradas ou apagadas unha vez rematadas as celebracións.

12) A hora límite para rematar a celebración é as 04:00 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia, para a celebración de festas e romaría populares. Haberán de cumprirse as normativas sectoriais de ruído, lumes, horarios, etc.

13) A organización terá que acatar as normas ou instrucións que poidan ditar a Policía Local ou outras Forzas ou Corpos de Seguridade, Protección civil ou Bombeiros.

14) Ó remate da fogueira, e antes de abandonar o lugar desta, os/as responsables da organización coidaran que as cinzas queden totalmente apagadas, e procederán á limpeza inmediata do espazo autorizado.

15) Queda prohibida a tirada de fogos de artificio sen a preceptiva autorización.

16) En todos os casos, os/as solicitantes serán responsables directos dos danos que puideran ocasionar a terceiros.

17) De existir algún contratempo darase inmediata conta aos Servizos de Urxencias (Protección Civil de Tui 619 455 936 e a Policía Local, telf.: 986 603677

18) En caso de ter problemas deben chamar ao 085 (Bombeiros) ou 112 (Emerxencias) (chamada gratuíta).

Mándao e asínao o Sr. Alcalde, en Tui.
Documento asinado dixitalmente á marxe