Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Desfile Concurso de Entroido

Data: 
21/02/2023
Lugar: 
Tui

O martes, 21 de febreiro, Martes de Entroido, será festivo local en Tui e celebrarase o tradicional Desfile-Concurso de Entroido que acada a súa 34º edición. No mesmo participarán 12 comparsas con máis de 900 persoas, 15 carrozas e 45 músicos. 

As 12 comparsas que participarán este ano desfilarán con 15 carrozas e percorrerán dende as 17.30h da tarde as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda.

Tres son as categorías nas que competirán as comparsas neste desfile.

  • En Fantasía participarán a Asociación Comparsa Terra de Condes de Redondela e tamén a Asociación Cultural Paradela de Gondomar.
  • Sen acompañamento musical desfilarán a Asociación Cultural Parada do Miñor de Nigrán, a Asociación Cultural O Borralliño de Soutelo en Salceda, a Asociación A Pandilla de Pontecaldelas, a Asociación Cultural de Pontellas do Porriño e a Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar.
  • Na categoría con acompañamento musical, participarán a Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei, a charanga tudense Cantos Somos, a Asociación Cultural Arume de Malvas, a Asociación en Loureiro coma sempre de Salceda e a Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño.

En total, haberá 5.600 euros en premios e trofeos aos que poderán optar todas estas asociacións festivas, ao que se suma o importe de fixo por participación e os trofeos valorados en 400 €.

Logo do seu desfile, e mentres o xurado delibera estes sete premios en liza, seguirá amenizando a festa a Orquestra Miramar.

Restricións de tráfico

Debido á celebración deste desfile, haberá un dispositivo especial de tráfico. Deste xeito estará prohibido o estacionamento e a circulación nas rúas do percorrido o propio martes entre ás 14 h e ás 21 h. Amais, as rúas Augusto González Besada e Calvo Sotelo serán de dobre sentido de circulación entre as 14h e as 21h, polo que estará prohibido o estacionamento dende as 10h até as 21h dese mesmo martes nestas rúas. Por último, no aparcamento municipal, na traseira do edificio Francisco Sánchez, haberá unha zona delimitada onde non se poderá estacionar dende as 14h do luns 20 até as 8 da mañá do mércores 22 debido á colocación do escenario da orquestra.