Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

O Concello de Tui vén de adxudicar a primeira fase da humanización da rúa Colón

3/07/2020

O proxecto conta cun orzamento de 314 mil euros financiado co Plan Concellos 2018

O Goberno Municipal do Concello de Tui vén de adxudicar o proxecto para a execución da primeira fase de humanización da rúa Colón, por un importe de 314.000 euros. É un dos proxectos do Plan Concellos da Deputación do ano 2018. As obras contemplarán o ensanchamento de beirarrúas, pavimentado, colocación de mobiliario urbano e zonas verdes.

O Goberno Municipal ten xa licitado o 90% das actuacións previstas no Plan Concellos dos anos 2018 e 2019, que quedaran pendentes do anterior goberno municipal. Previamente o actual equipo de goberno tivo que licitar e executar a metade do Plan Concellos do ano 2017.  Por outra parte en breve presentarase o Plan  Concellos do ano 2020.

Actualmente están en execución xa as primeiras obras financiadas con cargo ao Plan Concellos 2018 e 2019. É o caso da remodelación das pistas deportivas de Areas co obxectivo de ampliar a superficie de xogo e mellorar o revestimento deportivo, renovar os peches de malla e pintar os campos de xogos. 

Tamén se está levando a cabo o cambio de tellado da nave de maquinaria de Guillarei, onde está prevista tamén a remodelación dos vestiarios do persoal laboral, cara a mellorar as condicións laborais dos mesmos.

Por outra parte en breve darán comezo as obras de acondicionamento do parque do CEIP de Rebordáns, a elaboración da cartografía SIG, Ortofoto dixital e rede topográfica do concello de Tui, a pavimentación ao núcleo da Malladoura en Baldráns e en Areas. Tamén en breve iniciarase a subsanación de deficiencias no Centro Municipal de Remo, o saneamento das vivendas do antigo cuartel de Caldelas, a reparación da pista polideportiva do novo pavillón municipal de Tui e dos vestiarios do pavillón vello, así coma a reparación de módulos do cemiterio municipal.

Mentres están pendentes de licitar as obras de acondicionamento dos parques das Bornetas, Areas e Guillarei. 

Está xa rematada a renovación e dixitalización dos equipos da radio municipal financiada ao abeiro do Plan Concellos.