Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui desenvolve sesións informativas nos centros educativos dando a coñecer o grupo de participación infantil e xuvenil ParTUIcipando

8/05/2024

Vai dirixido a persoas de 10 a 17 anos. As súas propostas de mellora son logo trasladadas ao goberno local

Tui conta dende o ano pasado cun grupo de participación infantil e xuvenil, ParTUIcipando, cuxo obxectivo é dar voz á poboación infantil e xuvenil, coñecer as súas inquedanzas, suxestións,… e logo trasladalas ao goberno local.

Co obxectivo de seguir dando a coñecer este grupo a semana pasada comezaron unha serie de sesións informativas nos centros escolares tudenses para trasladar ao alumnado a posibilidade de formar parte deste grupo no que se abordan as temáticas que elas e eles mesmos deciden. As propostas de mellora  elaboradas no grupo son logo trasladadas ao Concello.

As primeiras sesións informativas tiveron lugar xa nos CEIP’s de Guillarei e de Pazos de Reis, e continuarán o próximo luns no CEIP de Randufe. O obxectivo é ir visitando todos os centros educativos tudenses para recordar a existencia deste grupo de participación convidando así ao alumnado a formar parte do mesmo. As reunións comezaron precisamente por aqueles centros educativos que arestora non teñen a ningún representante en ParTUIcipando, e proseguirán nas próximas semanas nos outros centros educativos de Primaria e nos institutos. As persoas con idades entre os 10 e os 17 anos que desexen formar parte deste grupo de participación poden contactar co 604 086 970.

O grupo de participación infantil e xuvenil, ParTUIcipando, reúnese unha vez ao mes, en horario de tarde, dando voz así aos nenos e nenas, mozos e mozas.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, convida á poboación nova de Tui a sumarse a ParTUIcipando, un grupo co que se garante o dereito a participación infantil que recolle a Convención sobre os Dereitos do Neno. Sinala que co mesmo ábrese un espazo no que escoitar o parecer dos nenos e nenas e adolescentes sobre os temas que lles afectan para ter en conta a súa visión dende a administración local. Lembra amais Sonsoles Vicente que que o grupo tudenses está representando no CAIA, Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, un órgano de carácter consultivo que ten por obxectivo achegar as súas propostas ao goberno da Xunta de Galicia.