Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde asistiu onte á mañá ao inicio do XI Concurso de Patrullas Militares Tui-Santiago

12/06/2012

O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, acompañou á primeira hora de onte á mañá ao Xeneral Xefe de Brilat no acto de inicio do XI Concurso de Patrullas Tui-Santiago que organiza a Brigada de Infantería Lixeira "Galicia" VII. Esta proba discorre ao longo do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, cun percorrido próximo aos 120 quilómetros efectuado por patrullas compostas por seis membros e comeza na porta do camiño portugués, na cidade de Tui.

 

Ás 07,30 horas de onte martes comezou a asidas das patrullas e finaliza na mañá do 13 de xuño e ao longo do traxecto hai que superar oito estacións: percorrido topográfico, lanzamento de granadas, tiro de precisión con fusil, paso de rápel, paso de pista de obstáculos, paso por medios semipermanentes, percorrido cronometrado e paso de río.

 

Participan patrullas do Exército de Terra, Armada, Exército do Aire, Academias militares, Brigada Ligeira de Intervençao portuguesa, Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

 

Para o Alcalde tudense esta competición, logo de once anos, está xa plenamente consolidada e testemuña, nunha nova oportunidade, a estreita relación que existe entre a cidade de Tui e a Brilat. Amais con esta competición estamos traballando, engade o rexedor tudense, na promoción do camiño portugués a Compostela, un referente patrimonial e turístico que dende o Concello de Tui estamos empeñados en potenciar.