Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“Maxia tola e lectora” na Biblioteca Municipal de Tui con Leo Leiño

3/05/2024

Será o vindeiro martes, 7 de maio, para a rapazada dende os 6 anos

Continuando coa programación de “Tui en letras 2024” que oferta máis dunha ducia de actividades en torno ao libro e a lectura na Biblioteca Municipal tudense ao longo do mes de maio, este martes 7 de maio ás 18.00 horas teremos un novo espectáculo titulado “Maxia tola e lectora” que estará a cargo de “Leo Leiño”.

Personaxes de conto, astronautas, cápsulas do tempo, tormentas de ideas e ata o mesmo don Quixote ou Xulio Verne desfilarán pola Biblioteca Municipal tudense nunha sesión de maxia e escapismo.  Os libros serán os grandes protagonistas deste espectáculo no que se procurará transmitir a maxia e o poder das historias que neles viven.

A Maga Leo Leiño é unha maga profesional con moita experiencia no sector. Desde pequena apaixonada coa maxia, ten experiencia como conta contos, meiga, malabarista e mesmo nalgunhas das súas actuacións toca a guitarra xa que pertenceu a un coro. O humor desta gran meiga e positivismo fan que nos seus espectáculos abonde a diversión.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Xuventude, Sonsoles Vicente Solla, este novo espectáculo para os nenos e nenas a partir dos seis anos, forma parte da ampla oferta de actividades que para os diversos segmentos de idades se integran na programación de “Tui en letras 2024” para achegar o libro e a lectura a cidadanía tudense.