Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Reaberta a zona cero de Paramos

3/05/2019

Foron concedidas 9 licenzas e 12 solicitudes máis de obra maior en tramitación. Está ultimándose o proxecto de urbanización da zona

O Concello de Tui ten concedido xa 9 licenzas de obra maior para a reconstrución de vivendas na zona cero de Paramos e outras 12 solicitudes están agora en tramitación. Así o avanzou esta mañá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, na propia zona cero de Paramos, onde esta mañá foron retirados os valados tras completar hai unhas semanas os labores de desentullo.  Alí compareceu ante os medios de comunicación xunto ao concelleiro de Seguridade, Antonio Castro, e os arquitectos Pablo Rivas e Juanma Rodríguez.  Carlos Vázquez Padín sinalou que “a zona ábrese porque xa non hai motivos para mantela pecha e para facilitar o movemento de vehículos e das empresas construtoras que van traballar na reconstrución”.

Explicou o alcalde de Tui que a limpeza de toda a zona, coa retirada do entullo e do material contaminante coma amianto, foi “un paso necesario e imprescindible” para que se poida iniciar a reconstrución da zona.  Dicía que case un ano despois “comeza a verse a luz ao final do túnel”.  

No pleno ordinario do mes de abril a corporación municipal aprobou por unanimidade unha partida de 857 mil euros, con cargo ao Fondo de Emerxencia, así coma bases reguladoras, para a concesión de axudas ao propietarios de vivendas na zona cero, e coa achega municipal poder completar o investimento preciso para que poidan reconstruír as súas casas.   Por outra parte os arquitectos da Deputación, que traballan no Centro de Afectados en Paramos, están a ultimar o proxecto de urbanización e reposición de servizos que se tramita a través do programa Deporemse da Deputación de Pontevedra. O seguinte paso será a súa licitación e execución, xa que deberá estar concluído antes de xuño de 2020.

Tamén avanzou o alcalde que o Concello de Tui tentará personarse novamente na causa, e así no seu día poder reclamar o millón de euros que habilitou para Paramos.