Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

A próxima semana retómase a atención psicolóxica aos afectados de Paramos e Guillarei no centro de saúde de Tui

16/10/2018

En primeiro lugar avaliaranse os novos casos que solicitaron atención, e atenderase a aqueles pacientes que non se poden desprazar a Vigo. Servizos Sociais coordinará as citas.

A próxima semana retomaranse as avaliacións das persoas afectadas pola catástrofe de Paramos que solicitaron asistencia psicolóxica. No mes de agosto e na primeira semana de setembro psiquiatras do SERGAS avaliaron xa as 72 solicitudes, algunha de unidades familiares, que se presentaran ata aquel momento, e agora citarán aos entre 15 e 20 casos novos que veñen de demandar este servizo.

Para seguir coordinando a atención psicolóxica aos afectados de Paramos e Guillarei este mediodía reuníronse na casa do concello o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o xefe do servizo de psiquiatría do CHUVI, José Manuel Olivares, o presidente da Asociación de Afectados, Salvador García, e a traballadora social do Concello, Carmen González.

O servizo de psiquiatría asumirá a atención en Tui semanalmente, tanto para a avaliación dos novos casos, como para a atención daqueles afectados que non se poidan desprazar até o centro de referencia en Vigo, o tempo que sexa preciso. Os pacientes infanto xuvenís terán que desprazarse ata o Hospital Álvaro Cunqueiro, xa que alí está a unidade específica de atención para estas idades.

A área de Servizos Sociais será quen coordine as citas de atención psicolóxica aos afectados dende o Centro de Afectados en Guillarei a área de Servizos Sociais.