Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Consorcio do Louro inicia obras de mellora nas súas instalacións

31/10/2019

O Consorcio de Augas do Louro, do que forma parte o Concello de Tui,  iniciará a vindeira semana a execución de diversas obras de mellora das instalacións existentes, dando continuidade a unha programación que comezou en 2014 coas importantes reformas realizadas na potabilizadora do Concello de Tui por valor de mais de 200.000 euros, as realizadas no Concello de Mos para eliminación de verteduras e reformas de instalacións de abastecemento por importe superior aos 70.000 € e outras inversións realizadas nos catro concellos por importe superior aos 400.000 euros.

En concreto, acometerase a renovación de 330 metros de tubaxe na rede de abastecemento no barrio de A Pedra para garantir a presión e continuidade do servizo e a execución dunha caseta con ventilación forzada e novos depósitos de hipoclorito e regulación de pH no depósito de auga potable de Bouzavedra, en Salceda. O importe dos traballos será de 35.713,07 euros.

A segunda actuación contempla a instalación dun sistema automático de desbaste e telesupervisión, unha gabia filtrante e melloras na urbanización da parcela da fosa séptica de As Ínsuas, en O Porriño, de tal xeito que se garanta o cumprimento da calidade da auga depurada e vertida ao medio receptor. O importe das actuacións será de 27.457,32 euros.

A terceira actuación consiste na consolidación e gran reparación da estación de bombeo de auga residual situada no polígono PPI-7, que contempla o saneo do terreo e mellora do drenaxe e impermeabilización do pozo, a renovación de diversos equipos electromecánicos e a instalación dun sistema de comunicacións para telesupervisión da instalación. O importe dos traballos ascende a 36.893,29 euros.