Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Música, raid e coches clásicos esta fin de semana en Tui

18/10/2019

Mañá remata o circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade Tui-Valença co Trilho de Taião

Esta fin de semana son varias as citas de lecer e deportivas que se celebran en Tui nas que colabora o Concello de Tui.

No eido musical, como celebración dos Días Europeos do Camiño de Santiago, temos unha dobre proposta. Mañá sábado, ás 18 h, na Catedral de Tui  poderanse escoitar distintas composicións inspiradas no Camiño de Santiago, escritas por compositores e compositoras galegos e portugueses. Será no concerto “Música en Camiño” organizado pola CEER, a Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Mentres o domingo, ás 12.30 h, no Paseo da Corredoira, ou se chove na Oficina de Turismo, a cantante e compositora Nastasia Zürcher achega a súa proposta musical titulada "Un camiño de fusión e liberdade” dentro do programa “Camiño A Dentro” promovido pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Nastasia Zürcher conta con dous traballos discográfico “My flight” e “BEAT”, estando arestora na xira deste segundo disco.  

Mañá ten lugar o Trilho de Taião, a derradeira camiñada do Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade Tui-Valença deste 2019.  Sairá ás 10 hora española da igrexa de Taião, en Valença, para realizar unha ruta, de 12 quilómetros, de ámbito paisaxístico – cultural.

Por outra parte mañá sábado dende ás 19.30 h está prevista á chegada á rúa Olímpicos dos participantes no V Budiño Raid Terras do Louro. Sairá ás 9.30 h dende Mos para realizar un percorrido de 80 quilómetros divididos en cinco sectores, cun tempo máximo de carreira de 10 horas. É unha competición multidisciplinar na que os participantes terán que demostrar a súa capacidade de resistencia, a súa orientación e a súa habilidade.  Será a cuarta proba da Liga Galega de Raids de Orientación 2019 e contará con tres categorías Élite, Aventura e Orienta – Raid. Está organizado por BudiñoRAID, a sección de Orientación da Asociación Deportiva A Forna de Budiño.

O domingo medio centenar de persoas participarán na Concentración de Clásicos do Baixo Miño que partirá ás 11 h dende o Paseo da Corredoira para realizar unha ruta até Caldelas e volver ao punto de partida, onde os coches quedarán expostos até ás 18 h. Entre os coches máis antigos que participarán figura un Citroën de 1923. Este evento está organizado pola Asociación de Clásicos do Baixo Miño coa colaboración do Concello de Tui.