Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Mancomunidade do Baixo Miño lamenta a decisión da Xunta de Galicia de non incluír ao Baixo Miño no transporte metropolitano da área de Vigo

26/06/2020

Os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, formada por Tui, Tomiño, A Guarda e O Rosal, lamentan a decisión da Xunta de Galicia de non incluír ao Baixo Miño no transporte metropolitano da área de Vigo. Alertan  que isto “suporá un importante deterioro dun servizo fundamental nunha contorna rural cun alto índice de poboación envellecida”. 

Esta exclusión da comarca do Plan de Transporte Metropolitano reduce de forma importante as frecuencias horarias, eliminando as existentes entre as 09.00 e as 12.00 horas, e deixa ao Baixo Miño incomunicado e illado da súa área sanitaria de referencia, Vigo, así como do campus da Universidade de Vigo. Unha situación que tamén repercutirá negativamentena economía de toda a veciñanza da comarca, xa que ao quedar fóra do transporte metropolitano non poderán beneficiarse das tarifas bonificadas, dos diferentes descontos ou da posibilidade de facer transbordo. 

O pasado verán a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño xa deu resposta á esta precarización do transporte e interpuxo de forma conxunta alegacións ao anteproxecto do Plan de Transporte Metropolitano presentado pola Xunta,dando resposta a todas as eivas detectadas no servizo en caso de aplicación. Nestas alegacións incluíase tamén o deseño das liñas concretas coa Universidade ou a área sanitaria ou as liñas circulares entre os núcleos dos para poder trasladar ao goberno autonómico solucións concretas e acordes ás necesidades dos concellos do Baixo Miño. Os rexedores e rexedoras da comarca piden á Xunta “que atenda a todas estas demandas que foron claramente especificadas nas alegacións que presentou o conxunto da Mancomunidade”.

Os rexedores e rexedoras dos concellos do Baixo Miño consideran un agravio que a Xunta non inclúa aos concellos da comarca nunha rede de transporte metropolitano do que si forman parte Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior.