Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un cd solidario recadará fondos para os dous nenos que quedaron orfos na explosión de Paramos

18/12/2019

Esta iniciativa do CRA Mestra Clara Torres reúne 9 contos en galego e castelán narrados por actrices e actores

“Cuentos con moito conto” é o título do cd solidario que vén de editar o CRA Mestra Clara Torres de Tui con nove historia de OQO editora narradas en galego e castelán. Porase á venda ao prezo de 10€ e os fondos recadados serán para os dous nenos que quedaron orfos na explosión rexistrada o pasado ano en Paramos.

Actrices e actores foron os encargados de pórlle a voz a cada un dos nove relatos de OQO Editora recollidos no cd que conta co deseño da portada, edición e mestura de son de Brais Sousa. Así Ana Santos pon voz “A Figueira de Pelostortos”, César Cambeiro ao conto “Chocolata”, Pepo Suevo a “Paco Papán”, Dani Trillo é a voz de “Galiño pelado”, Iria Acebedo le “La luna ladrona”, Melania Cruz “La sopa quema” e Tito Asorey “No hace falta la voz”. Amais Fer González pon voz a “A tartaruga que quería durmir” e Josito Porto le “Tam, Tim, Tom”.

Na presentación desta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, indicou que este acto solidario pon en valor o traballo e o esforzo da comunidade magrebí na súa integración na cidade. Engadiu que este “traballo serve de lembranza aos dous nenos orfos de que non están sos e nos teñen que sentir preto deles”.

Tanto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, coma o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, amosaron a súa gratitude ao CRA Mestra Clara Torres e a súa directora, Teresa Domínguez, por esta iniciativa solidario. O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, lembrou coma con anterioridade editaran xa outro cd “Contos con moito conto”.

Salvador García, presidente da Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei, quixo amosar o seu agradecemento a Teresa Domínguez e ao CRA por este xesto e outras acción que promoveron en solidariedade cos afectados pola explosión no barrio da Torre. Indicou que aínda que inicialmente a proposta era que os fondos fosen para este colectivo, dende a Asociación suxeriron que puideran ser destinados aos dous nenos que quedaron orfos o 23 de maio de 2018. Hana Alamri, da familia que acolle as fin de semana a estes dous menores que se atopan tutelados pola Xunta, quixo tamén amosar o seu agradecemento pola iniciativa.

Teresa Domínguez, director do CRA Mestra Clara Torres, explicou que tras máis de tres meses de traballo este proxecto sae agora á venda, converténdose nun magnífico e solidario agasallo de Nadal. Pode adquirirse nas librarías tudenses Espazo Lector Nobel e Iris, e tamén noutros establecemento nos que figura o cartel anunciador do cd. Tivo palabras tamén de agradecemento para todos os que co seu gran de area fixeron realidade este traballo.