Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Tui pecha as instalacións culturais e deportivas e suspende a programación propia coma medida preventiva ante o coronavirus

12/03/2020

Suspéndese a atención presencial na casa do concello salvo no rexistro de entrada e en casos de extrema urxencia nos Servizos Sociais

O Concello de Tui vén de acordar unha serie de medidas para previr o contaxio por Coronavirus. Estas decisións adoptáronse por unanimidade na xunta de portavoces celebrada este mediodía na casa do concello. A duración ou modulación das medidas adoptadas se tomará de acordo coas directrices establecidas polas autoridades sanitarias competentes.

Así pecharanse as instalacións municipais de carácter cultural e deportivo dende mañá e suspéndese a programación propia.

No ámbito cultural péchanse dende mañá todas instalacións culturais do Concello é dicir  Teatro Municipal, Biblioteca Municipal, Sala de Exposicións, e mesmo os centros culturais das parroquias de titularidade municipal. Isto conleva a suspensión de todas as actividades previstas no Teatro Municipal de Tui. En concreto a decisión afecta ao espectáculo “Aguratrat” que Pérez&Fernández ían representar mañá venres no Teatro Municipal, así coma ao concerto “Memoria da melancolía” que Samuel Diz ía ofrecer este sábado. Ambos espectáculo adíanse sen nova data polo momento.  As persoas que tiñan mercado xa a súa entrada on line para estes eventos recibirán unha comunicación do departamento de Cultura dando conta da cancelación do espectáculo, e nos próximos días lles será devolto o importe das entradas polo mesmo método no que realizaron o pagamento. Tamén se suspenden as funcións escolares previstas, en colaboración cos centros educativos, programadas até finais de mes.  O mesmo acontece coas actividades previstas até finais de mes dentro da programación “Somos e Seremos Inmarcescibles” coas que se estaba a conmemorar o Día Internacional da Muller que quedan adiadas.

Mentres no referido ás instalacións deportivas municipais péchanse os campos de fútbol, pavillóns e pistas deportivas.  Igualmente suspéndese toda a actividade dependente do concello xa sexa en recintos pechados ou abertos.

Tamén se suspende toda a actividade no Centro Municipal de Formación.

No referido á actividade política tomouse a decisión de anular a celebración de plenos e comisións informativas que só se retomarán no caso de ter que abordar algún asunto de urxencia.

Na casa do concello queda suspendida a atención ao público e os trámites faranse de xeito telefónico ou a través da sede electrónica.  Salvo o rexistro de entrada que permanecerá aberto e o departamento de Servizos Sociais atenderá os casos de extrema urxencia e sempre contactado previamente por vía telefónica.

Por outra parte valorarase, en función da evolución da situación, a posible suspensión do mercado semanal dos xoves en Tui.

Esta información poderá ser ampliada e actualizada a través das web municipal tui.gal e das páxinas oficiais do Concello de Tui en Facebook e Twitter.

Dende o Concello de Tui agradecen a comprensión da cidadanía ante estas medidas que se toman de forma preventiva, e se vai un chamamento á calma e á responsabilidade seguindo en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias.

É responsabilidade de todos, e unha obriga, facer canto estea nas nosas mans para preservar a nosa saúde e a dos nosos. É tamén responsabilidade de todos colaborar para que o sistema sanitario e os seus profesionais poidan continuar a desenvolver o seu traballo coa mesma eficacia que até o de agora.