Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Tui é un dos concellos beneficiarios do plan Rexurbe da Xunta

9/04/2019

O IGVS destinará 300 mil a adquisición de vivendas para a construción de edificios ou rehabilitación no conxunto histórico

Tui será un dos concellos que se beneficie do programa Rexurbe da Xunta de Galicia. En concreto o Instituto Galego de Vivenda e Solo, IGVS, destinará 300 mil euros á adquisición de inmobles situados no conxunto histórico de Tui para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación ou renovación.  

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, amosa a súa satisfacción pola inclusión de Tui neste Programa Rexurbe, lembrando que hai un ano, como rexedor tudense, realizou a solicitude ao director do IGVS, Heriberto García, da inclusión na cidade nesta iniciativa que o ano pasado se levou a cabo en Ferrol, Betanzos, Lugo e Ourense, e que nesta edición se ampliou a Tui e Ribadavia.  

En concreto o DOGA publicou no día de onte a resolución pola que o IGVS  acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos de Ferrol, Betanzos, Ribadavia, Ourense e Tui, para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación ou renovación. Ao concello de Tui destínanse 300 mil euros. Os propietarios interesados en vender os seus inmobles dispoñen ata o 31 de xullo de 2019 para presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo. Na resolución publicada onde no DOGA recóllense as características que deben reunir os inmobles, así coma o proceso de solicitude que deben cumprimentar os propietarios que desexen vender as vivendas situadas nas rúas Bispo Lago, Antero Rubín, Cuenta, Piñeiro, Sanz, Pracer, Bispo Castañón, Porta da Pía, Ordóñez, Seixas, Párroco Rodríguez Vázquez, San Telmo, Tide, Ouro,  nos calexóns das Monxas, Tide, Ouro, camiño Entrofornos,  ou nas prazas de San Fernando, Pracer, do Concello, e da Armada Española.

Ver resolución