Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Precintada e vallada a zona inferior do Parque Infantil dos xardíns de Troncoso ante os numerosos actos vandálicos rexistrados

16/09/2020

O Concello de Tui procedeu esta mañá ao precintado e vallado da parte inferior do Parque Infantil situado a carón dos Xardíns de Troncoso, no Paseo Familia Álvarez Blázquez. Esta decisión vén motivada polos reiterados actos vandálicos que estaban a rexistrarse nos distintos elementos do parque que foran renovados recentemente tras o seu acondicionamento para cativos e cativas de 0 a 5 anos, cun investimento de 13.752,38€, e que estaban aínda pendentes de rematar polo que esta zona estaba xa precintada. Pese a iso rexistrábanse pintadas nos elementos de xogo, numerosos desperfectos nos mesmos coa substracción mesmo de parafusos co conseguinte risco que isto pode supor, amais de lixo tirado pola superficie desta área de lecer infantil.  É por iso que dende hoxe á cinta de precinto que xa estaba colocada e que reiteradamente era rota, hoxe dende o Concello colocáronse tamén vallas.

Dende o Concello de Tui faise un chamamento á responsabilidade e ao civismo, para que estas instalacións non volvan ser obxecto de actos vandálicos.

Por outra parte dende o equipo de goberno infórmase que a diario se realiza a desinfección dos parques infantís nos municipio, e dos seus elementos, continuando así co protocolo COVID que se puxo en marcha dende a reapertura destas zonas. Lémbrase amais as normas de uso dos mesmos coma desinfección de mans co xel hidroalcóholico, para o que hai dispensadores instalados nas entradas, distancia de seguridade e limitación de aforo cun máximo de dous nenos por xogo infantil e un máximo de 2 persoas por banco público. Nos parques foron colocados dende a súa reapertura o pasado 1 de xullo carteis informativos coa normativa en vigor debido á covid-19.