Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

As piscinas públicas non abrirán as súas portas este verán para garantir a seguridade fronte á COVID 19

8/06/2020

Os Concellos de Arbo, As Neves, Crecente, Mondariz, O Porriño, , Salceda de Caselas , Salvaterra de Miño e Tui acordan conxuntamente o peche das instalacións para garantir a seguridade da veciñanza. 

Os protocolos establecidos dende o Ministerio de Sanidade fan practicamente imposible a apertura  das instalacións con todas as garantías sanitarias precisas 

Os concellos de Tui, Arbo, As Neves, Crecente, Mondariz, O Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño veñen de emitir un comunicado conxunto anunciando a non apertura das instalacións das piscinas municipais este verán como medida ante a pandemia da COVID 19. A decisión tómase tras unha exhaustiva análise da situación, unha vez se recibiron os protocolos elaborados dende o Ministerio de Sanidade, que establecen unhas condicións ás que dificilmente poden acceder os diferentes concellos pola multitude de normas que recollen: os continuos labores de limpeza e desinfección, a distancia de seguridade de dous metros establecida entre as persoas usuarias das piscinas, as limitacións do tempo de permanencia nas instalación ou a limitación do aforo a un terzo como máximo, fai que o acceso ás piscinas se converta case nun privilexio ao que pouca xente podería acceder. 

Na decisión, tomada de xeito conxunto polos diferentes concellos, primou ante todo a seguridade da veciñanza que acuda ás piscinas municipais. Tamén se tivo en conta o obxectivo fundamental destas instalacións de lecer: que as persoas vaian disfrutar dun momento de tranquilidade, o cal tamén se vería interrompido polos continuos labores de desinfección e limpeza que se terían que levar a cabo obrigatoriamente, así como polas restricións de usos de instalacións precisas como aseos, duchas e vestiarios. 

Por outra banda, para o funcionamento das piscinas deben realizarse aportes continuos de auga, controlar a cloración nos máximos, utilizar desinfectantes constantemente e outras cuestións que prexudican notablemente o medio ambiente, preocupación que tamén amosaron os diferentes Concellos. 

Para estes Concellos é fundamental garantir a seguridade da nosa veciñanza, polo que de abrirse as instalacións aplicaríanse con rigor as medidas establecidas, o que imposibilitaría o desfrute por maior número de veciñas e veciños, que non poderían usar as mesmas ou, de facelo, terían que observar as normas restritivas de uso, por mor da Covid 19. 

O peche será aproveitado polos Concellos para acometer as melloras precisas para que as abrir cando a situación así o permita, e poidan facelo con tódalas garantías sanitarias precisas. 

OS ALCALDES E ALCALDESAS 

Horacio Gil Expósito (Arbo), Xose Manuel Rodríguez Méndez (As Neves), Julio C. García-Luengo Pérez (Crecente), Xosé Emilio Barros (Mondariz), Eva García de la Torre (Porriño), Mª Dolores Castiñeira Alén (Salceda de Caselas), Marta Valcárcel Gómez (Salvaterra de Miño), e Enrique Cabaleiro González (Tui)