Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

O novo folleto turístico Tui Explora recolle 31 plans de sendeirismo, running, ciclismo e piragüismo para coñecer Tui

7/05/2019

As propostas divídense en catro zonas: Centro Urbano, A Macoca, a Casa Forestal e o Alto de San Xiao

Esta mañá presentouse na casa do concello de Tui o novo folleto turístico Tui Explora elaborado pola empresa Sherpa Project. Propón 31 plans para percorrer e coñecer 319 qms de Tui.  A presentación correu a cargo do alcalde de Tui e concelleiro de Turismo, Carlos Vázquez Padín, e o encargado do proxecto e responsable de Sherpa Project, Guti Martín Hermida.

Tui Explora percorre toda a cidade a través dun mapa vertical que vai dende o Monte Aloia até a beira do río Miño. Divide as propostas en catro zonas: Centro Urbano, A Macoca, a Casa Forestal e o Alto de San Xiao. E a súa vez en cada unha delas recolle rutas para realizar en familia, facendo sendeirismo, ciclismo, running/trail, paseos urbanos ou ruta náutica coma un paseo en piragua entre ribeiras do río. No folleto plásmase o nome, duración, distancia, e dificultade de cada ruta, que se complementa cun acceso con código QR á plataforma Wikiloc, no perfil Tui Explora onde se poden descargar todos os plans activos.

O folleto, en formato trilingüe e do que se editaron 15 mil exemplares, inclúe outras suxestións de eventos e lugares de interese para os visitantes como o mercado semanal ou a visita o Convento das Clarisas. Tamén recolle indicacións para organizar a viaxe en Tui no referente a transporte, aloxamento ou propostas gastronómicas cos respectivos códigos QR que enlazan ao apartado de turismo da web municipal tui.gal.

Co hastag #TuiExplora búscase a interacción dos usuarios en redes sociales, e a implicación do comercio coa colacación do autocolante deseñado para a ocasión coa imaxe dunha libélula, o hastag #TuiExplora e o código QR que da acceso ao perfil de Tui na plataforma Wikiloc.

Na presentación desta mañá o alcalde de Tui e concelleiro de turismo, Carlos Vázquez Padín destacou que “este folleto propón rutas para que os visitantes teñen unha ampla oferta que prolongue a súa estadía en Tui e tamén para que os tudenses coñecen mellor a cidade.”

Consulta o novo folleto turístico Explora Tui