Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O concerto do grupo Best Boy e os viños de catro adegas pechan este domingo o programa “Música e viño no teu camiño”

25/10/2019

Será ás 18 h na praza de San Fernando. Está promovido por Eu Rural

O Concello de Tui acolle este domingo o evento que pecha o programa “Música e viño no teu camiño” promovido por Eu Rural e financiado por O teu xacobeo.  A presentación desta actividade tivo lugar este mediodía na casa do concello de Tui a cargo de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, Sandra González, a presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura de Tui, e Ángel Sánchez, de Best Boy.

O evento comezará ás 18 h na praza de San Fernando onde se poderán degustar viños Quinta Couselo, Terras Gauda, Adega do Vimbio e Altos de Torona  e concerto de Best Boy ao prezo de 2€. E a banda tudense Best Boy, liderada por Ángel Sánchez e Lucas Fernández, actuará novamente na cidade.

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, manifestou que é un orgullo que este programa promovido por Eu Rural se peche en Tui, porta de entrada do Camiño Portugués a Galicia, e que amais o faga cun grupo tudense. Destacou o rexedor a importancia de actividades coma ésta que poñen en valor un ben inmaterial coma é o Camiño de Santiago.

Sandra González, a presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, destacou o obxectivo do programa que é promocionar os produtos locais presentando ao tempo unha alternativa de ocio con música.  Destacou tamén a boa acollida que tivo “Música e Viño no teu camiño” na Guarda e en Redondela onde se celebraron xa eventos similares aos de Tui.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, convida a asistir e disfrutar deste evento este domingo na cidade.

Ángel Sánchez, destacou que para Best Boy é un pracer volver a tocar en Tui, nun concerto que para eles será moi especial ao ser un reencontro con amigos e público. Destacou tamén como a Cultura xoga un papel moi importante na potenciación do turismo e do desenvolvemento.