Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

O Concello de Tui solicita a colaboración cidadá tras a renovación das plantas en xardíns e maceteiros da cidade

30/07/2019

Lembra aos propietarios de mascotas que deben recoller os excrementos das vías públicas

A concellería de Parques e Xardíns do Concello de Tui está a realizar traballos para renovar, e nalgún caso mudar, as plantas existentes nos distintos xardíns do centro urbano e tamén nos maceteiros colocados nas rúas tudenses.

Estes traballos comezaron nun tramo do Paseo da Corredoira, na Glorieta de Vigo, na Praza de Galicia, e rúa Foxo, e nos maceteiros distribuídos en distintas as rúas do centro urbano.  Para a renovación das plantas elixíronse especies, de prezo económicos, que se axeiten ás condicións climatolóxicas existentes, e nas que se primou o colorido. Así gardenias, alegrías, xeranios,… embelecen os xardíns e rúas tudenses. Dende a concellería de Parques e Xardíns anuncian que o obxectivo é seguir renovando todas as zonas axardinadas do municipio.

Dende o Concello de Tui aproveitan a ocasión para solicitar a colaboración veciñal co máximo respecto e coidado dos xardíns e macetas, e das novas especies plantadas, lembrando que un Tui limpo e coidado é tarefa de todos.

Faise amais especial chamamento aos propietarios de mascotas lembrando que se deben recoller os excrementos da vía pública, e que as mascotas non deben facer as súas necesidades nas zonas axardinadas ou con céspede.  Para lembrar precisamente estas cuestións proximamente serán colocados carteis nestes espazos. A Ordenanza Municipal de Ornato e Limpeza Viaria recolle como infracción leve non recoller os excrementos das mascotas, o que pode conlevar a imposición dunha multa de 200€.