Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui inicia a elaboración dun Diagnóstico da situación e usos do Mercado Municipal

31/10/2019

As conclusións deste estudo servirán como base para a súa mellora

O Concello de Tui vai realizar un Diagnóstico da Situación e Usos do Mercado Municipal co obxectivo de que no futuro a Praza de Abastos tudense poida ser recoñecida como mercado excelente. Este estudo, que será elaborado por unha empresa de consultoría especializada, determinará cales son as actuacións necesarias para lograr a finalidade perseguida. 

Esta diagnose suporá un investimento de 12.705 € dos que 6.352,50 € serán aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia a través da liña de subvencións  para o Impulso dunha Rede de Mercados Excelentes. 

O estudo  incluirá un proceso participativo no que serán entrevistados os praceiros e praceiras, así como os clientes do mercado e tamén os non clientes, posibles novos emprendedores, xunto a comerciantes e hostaleiros.  Igualmente serán analizadas todas as variables económicas e sociais que inflúen na súa marcha, así como os procedementos administrativos actuais para a concesión de postos. 
Unha vez concluído este diagnóstico o Concello contará cunha revisión integral do mercado e das súas posibilidades para convertelo nun gran foco de dinamización comercial e económica. As propostas daranse a coñecer nos vindeiros meses. 

A Xunta de Galicia puxo en marcha o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 que ten entre os seus obxectivos a modernización do comercio galego, con especial atención á imaxe, a presentación do produto e a prestación de servizos complementarios ao cliente, por isto se inclúen medidas como a mellora da imaxe e o equipamento dos mercados e prazas de abastos galegos, así como a creación dunha rede de mercados excelentes.