Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui financiará con cargo ao remanente de tesourería a redacción de proxectos e execución obras por importe de 216.400€

2/11/2019

A redacción do proxecto para a rehabilitación do Teatro Principal e da adecuación do edificio de Cam Fran para Servizos Sociais son parte das actuacións previstas

A redacción dun proxecto para a rehabilitación do Teatro Principal  e outro para a adecuación do edificio de Cam-Fran na Avenida da Concordia para convertelo na sede nos Servizos Sociais Municipais e dun Centro de Día, son dúas das actuacións para as que se vén de habilitar crédito no Concello de Tui. O mércores en pleno aprobáronse sendos expedientes de modificación de créditos, con cargo ao remanente líquido de tesourería, para poder acometer de xeito inmediato tanto a redacción de proxectos coma a execución de obras cun importe que suma 216.466,04 €.  Os puntos foron aprobados con dez votos a favor, do PSOE, En Marea e Converxencia 21, e a abstención de PP, BNG e Ciudadanos. 

En concreto destinaranse 18.150 € para a redacción do proxecto de rehabilitación do Teatro Principal, e 17.908 € para o de adecuación do edificio para Servizos Sociais. Outros proxectos que van a ser redactados serán o da humanización da travesía de San Domingo (11.470,80 €) e o soterramento das instalacións e servizos tanto nas travesías de San Domingos coma San Francisco (11.640,20€). 

A realización dun estudo de tráfico  no núcleo urbano, que permita toman decisións con todos os datos sobre sentidos de circulación, peonalización e humanización de vías contará un investimento de 18.089,50 €. En materia de tráfico figura tamén, cun importe de 29.175,65 €, o repintado da sinalización vial no termo municipal.  Por outra parte destinaranse 11.374 € á realización dun levantamento topográfico de parcela e edificacións, infografía da proposta e redacción do proxecto básico e de execución para a ampliación do Centro Cultural As Laxes de Paramos.  Amais 14.928,98 € terán por obxectivo a colocación e subministro de tarima tecnolóxica reforzada e a limpeza e tratamento da existente no Paseo Fluvial.  

Outras actuacións previstas para as que se habilitou o crédito son a revisión e actualización da numeración municipal (18.150 €), a reparación de beirarrúas na estrada autonómica en Caldelas (10.890 €), a reforma do alumeado público nas parroquias coa substitución das actuais luminarias por led (15.972 €), a construción de 12 metros de sumidoiros en distintos puntos (653,40 €), a poda de árbores no termo municipal (12.971 €), e a corta de árbores secas que supoñen un perigo no recinto de festas de Paramos (1.113,20 €)

Con cargo ao remanente de tesourería financiarase tamén o Servizo de Asistencia Técnica para a xestión de fondos europeos na Eurocidade Tui-Valença (7.145,05), a cota extraordinaria de acceso á Red de Juderías de España (9.000€), e a cota da anualidade da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural (2.389,26€).