Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

O Circuíto das Andainas Saudables da Eurocidade Tui-Valença contará este ano con seis percorridos

19/02/2020

Amais realizarase o Camiño Portugués dende Porto a Tui en cinco etapas nos meses de maio, xuño e xullo

Seis percorridos conforman este 2020 o Circuíto de Andainas/Trilhos Saudables da Eurocidade Tui-Valença. Dende 2012 estase a desenvolver esta iniciativa que anualmente realiza diversas propostas para percorrer sendas tanto en Tui coma en Valença. As andainas está organizadas pola Eurocidade Tui-Valença xunto aos clubs  Club AndaTui Rego da Pedra e Club Celtas do Minho.

O calendario previsto para este 2020 é o seguinte:

  • 15 de marzo – Trilho da Lampreia
  • 19 de abril – Andaina de San Telmo
  • 26 de abril – Trilho da Fortaleza
  • 18 de xullo – Ruta do Aloia ao Faro
  • 8 de agosto – Andaina Histórica de Tui
  • 5 de setembro – Balcóns do Aloia

Para participar nas andainas é preciso inscrición previa no formulario dispoñible na web www.andatui.es para cada un dos percorridos ou no enderezo electrónico caminhadas.andainas@gmail.com. O prezo para cada andaina/trilho é de 6 euros por persoa, sendo de 4€ para os menores de 14 anos.

Camiño Portugués entre Porto e Tui

Por outra parte a Eurocidade Tui-Valença volve a organizar a realización do Camiño Portugués a Santiago por etapas. Este ano será no tramo dende Porto até Tui en cinco domingos nos meses de maio, xuño e xullo.  O calendario establecido é o seguinte:

  • 10 de maio – Oporto - Vilarinho (25 quilómetros)
  • 24 de maio – Vilarinho - Barcelos (26 quilómetros)
  • 7 de xuño – Barcelos - Vitorino de Piães (22 quilómetros)
  • 5 de xullo - Vitorino de Piães – Agualonga (27 quilómetros)
  • 26 de xullo -  Agualonga – Tui (25 quilómetros)

As inscricións para a realización do Camiño Portugués Porto-Tui poden realizarse na web www.andatui.es até completar as 50 prazas ofertadas. O prezo por persoa é de 25€ incluíndo o transporte, froita e auga en cada etapa.

Estes dous proxectos – o Circuíto de Andainas Saudables e a realización do tramo Porto-Tui do Camiño Portugués – contan co financiamento do programa Interreg España Portugal, ao igual que o conxunto das actividades do Calendario Deportivo da Eurocidade Tui-Valença no marco do proxecto Unicidade 2020.