Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Centro Coreográfico Galego pecha en Tui a xira de "Giseliña" no Teatro Municipal o venres ás 21,30 horas

20/05/2009

A representación terá lugar este venres ás 21.30h no Teatro Municipal

O Centro Coreográfico Galego pecha en Tui a xira de "Giseliña"

O coreógrafo catalán Cisco Aznar ofrécenos a súa visión do clásico Giselle

 

Martes, 19 de maio de 2009. O Centro Coreográfico Galego pecha en Tui este venres a xira da súa última montaxe Giseliña. A citará será no Teatro Municipal ás 21.30h, no marco da programación que organiza a Concellería de Cultura de Tui.

 

Giseliña está creada e dirixida polo coreógrafo catalán afincado en Suíza Cisco Aznar, quen toma como referencia o ballet clásico Giselle. Na mesma bota man dunha estética moi particular, excesiva e grotesca, que evoca as grandes obras do expresionismo alemán.


Giseliña é unha versión totalmente contemporánea, que rompe cos códigos do ballet clásico, e na que se mesturan co movemento outras linguaxes artísticas como a videocreación, o cine ou as artes plásticas. O resultado é unha montaxe conmovedora que reta ao espectador, esixíndolle atención e transportándoo a un mundo cheo de fantasía e referencias artísticas e cinematográficas. Os ideais románticos e a loita entre o amor e a morte están presentes en Giseliña, unha proposta de marcado carácter poético e complexidade creativa.


Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado cuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras, a escenografía e o vestiario ideados por Luís Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega ao espectador ao ámbito do sobrenatural.


Giseliña conta cun corpo de baile de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias. Son Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

 

Giseliña  despídese do público este venres en Tui. As entradas para este espectáculo están xa á venda en www.culturatui.info. Pódense mercar tamén no despacho de billetes da Área Panorámica o venres dende ás 20h. O prezo xeral é de 7€, 5€ con desconto e 4€ para os menores de 12 anos.

 

O Centro Coreográfico Galego con "Giseliña"

Data e hora:  Venres 22 ás 21.30h

Lugar: Teatro Municipal de Tui

Venda de entradas:

-          En www.culturatui.info

-          No despacho de billetes da Área Panorámica o venres dende ás 20h.

-          Prezos: 7€ - 5€ con desconto - 4€ menores de 12 anos